Dispárase o número de denuncias por violencia machista en menores de 18 anos: subiu 71% en 2021

Concentración en Compostela contra a violencia machista. (Foto: Arxina)
O número total de vítimas rexistradas na Galiza en 2021 foi de 1.217, un total de 30 máis que en 2020.

A Galiza rexistrou o ano pasado máis de 3 vítimas de violencia de xénero de media ao día. Así o recolle un estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre violencia doméstica e de xénero en 2021.

O número total de vítimas rexistradas foi de 1.217, un total de 30 máis que en 2020. Un incremento de 2,5%, un pouco por debaixo de 3,2% da media estatal, e moi lonxe da variación negativa de 30% e 14% que rexistraron Melilla e Asturias, co maior descenso no Estado español.

Na Galiza, unha de cada mil mulleres maiores de 14 anos de media foron vítimas da violencia de xénero en 2021.

Á cabeza nesta lista atópanse A Rioxa (2,5 mulleres por cada mil habitantes), Murcia e Ceuta (2,3 mulleres por cada mil habitantes). No outro extremo, Euskadi (0,6), Catalunya (0,8) e a Galiza son as que presentan a menor taxa.

Aumento da violencia nos adolescentes

A nivel estatal, o estudo do INE mostra que, por grupos de idade, nos menores de 18 foi onde máis aumentou a violencia de xénero, cun incremento de 70,8% entre 2020 e 2021.

En concreto, en 2021 producíronse 123 denuncias a adolescentes por violencia de xénero, polas 72 de 2020. O seguinte grupo cun maior incremento porcentual foi o de 18 a 19 anos, con 15,7% (de 453 a 524).

O número de vítimas de violencia de xénero menores de 18 anos tamén aumentou considerabelmente en 2021, pasando de 514 o ano anterior a 661. Isto supón un incremento de 28,6%.

A taxa de vítimas por cada mil mulleres maiores de 14 anos mostra que 0,7 adolescentes españolas sufriron violencia machista en 2021. A maior taxa deuse no grupo de idade de 30 a 34 anos, con 3,4 mulleres por cada mil mulleres nesa franxa de idade.