Estado e comunidades abordan a actuación contra o machismo

O Estado e as comunidades autónomas mantiveron unha reunión no Senado na que crearon un grupo de traballo conxunto co que pretenden chegar a un acordo para desenvolver o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Manifestación de 8 de marzo en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Manifestación de 8 de marzo en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Goberno do Estado e as comunidades autónomas veñen de estabelecer a creación dun grupo de traballo co que pretenden ter listo para o próximo mes de xullo un acordo de colaboración institucional contra a violencia machista.

A reunión tivo lugar nesta quinta feira no Senado, no contexto dunha Conferencia Sectorial de Igualdade extraordinaria, para tratar a consolidación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Segundo apuntou a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, os eixos fundamentais para desenvolver o Pacto de Estado vanse centrar en catro aspectos: garantir un sistema de financiamento e unha serie de instrumentos administrativos que fagan estábeis todos os proxectos contra as violencias de xénero; reforzar a prevención e detección precoz de todas as formas de violencia, incluíndo a trata e a explotación sexual; mellorar as actuacións fronte "novas manifestacións" da violencia de xénero, como a vicaria, a dixital ou a económica; e crear un sistema de rendición de contas e avaliación dos acordos alcanzados entre o Goberno do Estado e as comunidade autónomas.

A Galiza, "pioneira"

Pola súa parte, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, demandou a modificación da lei estatal contra a violencia de xénero para "ampliar" o concepto e incorporar "todos os tipos de violencia" que existen contras as mulleres. Ao tempo, lembrou que a lexislación galega xa recolle "un elenco máis extenso destes supostos". 

Unha lexislación, a galega, "pioneira", dixo Abella. De feito, recentemente deuse o recoñecemento por unanimidade da Cámara galega das vítimas de violencia vicaria -a proposta do BNG- como vítimas de violencia machista, e o recoñecemento do acoso dixital contra as mulleres -a proposta do PP- como outra forma de violencia machista.

Porén, esta lexislación "pioneira", como a da violencia vicaria, contrasta coas critica das palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, quen afirmou que o feito de "que un padre mate o seu fillo non é violencia machista", cuestión que onte a propia Ángela Rodríguez trouxo a colación nesta reunión.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios