Opinión

A violencia machista, máis alá das cifras

"Non penso revisar todo o puto Instagram para filtrar que fotos teño do meu pasado, tenme ata os collóns". Esta brava frase dunha moza que non pasaba dos vinte anos faime levantar a vista e atender a conversa entre ela e a amiga, na mesa do lado do restaurante. O relato é vello coñecido: o seu actual mozo pretende erradicar a súa vida sentimental anterior porque, como xa quedou claro por parte dalgún tiktoker, ás mulleres penalízanos ter un body count alto, é dicir, contar con parellas sexuais previas. Non só debemos ser honradas, senón que o noso Insta o pareza. "Compañeiriña leal, red flag", murmúrolle cando marchan.

En segundos, unha alerta no móbil advírteme de que unha muller e a súa filla veñen de ser asasinadas, presuntamente, polo marido e pai en Lloret de Mar. Xusto debaixo, outra notificación sobre o primeiro goberno autonómico participado pola ultradereita. Por whatsapp, unha compañeira de traballo faime saber que detectaron un posible intento de explotación sexual dunha cidadá ucraína refuxiada nunha cidade galega.

Unha coincidencia temporal de outputs da violencia patriarcal en diversa gradación que me deixa fría. Argumentos de sobra para quen pretende diluír a violencia contra as mulleres entre todas as violencias que sofren as persoas distintas a varóns brancos heteros menores de 65 anos.

Estamos nun momento de crise. Seguimos soportando o estrés continuado da pandemia, ao que sumamos unha guerra máis e o deterioro das condicións económicas. E as crises traen consigo un empeoramento das condicións de vida das mulleres.

O empeoramento nas condicións de vida das mulleres que supuxo a pandemia permitiu ver que fráxiles son os avances en materia de igualdade. Os confinamentos non son nada novo, porque como ben di Marcela Lagarde no seu libro Los cautiverios de las mujeres: madresposas, monjas, putas, presas y locas, xa existe un cativerio xenérico para as mulleres. "O cativerio caracteriza as mulleres pola súa subordinación ao poder, a súa dependencia vital, o goberno e a ocupación das súas vidas polas institucións e os particulares (os outros), e pola obriga de cumprir co deber ser feminino do seu grupo de adscrición, concretado en vidas estereotipadas, sen alternativas. Todo isto é vivido polas mulleres desde a subalternidade á que as somete o dominio das súas vidas exercido pola sociedade e a cultura clasistas e patriarcais, e polos seus suxeitos sociais".

A violencia durante a pandemia nos fogares medrou, segundo ONU Mulleres, debido ás preocupacións económicas, sanitarias e de seguridade; ás limitacións nas condicións de vida; o illamento dos maltratadores; as restricións de movemento ou os espazos públicos desocupados. En cambio, o principal indicador utilizado nas noticias sobre violencia de xénero, as asasinadas, dá unha información que contrasta con isto. 2020 e 2021 foron os anos co menor número de mulleres asasinadas por violencia de xénero desde que hai rexistro (2003), 47 e 44 respectivamente. Igual ca no caso das denuncias, que en 2020 caeron un 10,3%.

Un espellismo, porque ao cruzar eses datos con outros como as chamadas ao 016, o principal recurso dispoñible durante o confinamento, vemos que a relación é inversamente proporcional. En abril de 2020, o incremento de chamadas ao 016 en comparación co mesmo mes de 2019 foi do 61,1%, e denunciábase especialmente a violencia psicolóxica e a sexual. A física non era necesaria porque o control xa estaba proporcionado polas restricións de mobilidade.

O fenómeno das violencias contra as mulleres, como mecanismo que ten o patriarcado para manter o seu status, é complexo e precisa ser analizado nas súas múltiples dimensións. Desde o control do Instagram da túa moza ata o asasinato. As rutinas incorporadas como xornalistas lévannos a tirar de indicadores estatísticos como as denuncias ou os crimes machistas, que se os presentamos de xeito simple poden dar unha visión distorsionada. Non serven como unha cala do estado da cuestión. Precisamos continuar contribuíndo tamén con pezas de análise máis profunda, que nos permitan explicar os matices, a diversidade, as formas nas que se interioriza, se sistematiza e se institucionaliza a desigualdade de xénero. E sobre todo, como se expresa a través da violencia de xénero, unha grave vulneración dos dereitos humanos.

Comentarios