“Atención de saúde mental para todos: fagámola realidade”

O suicidio é a principal causa de morte externa por detrás dos accidentes de tráfico.

Co Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra cada 10 de outubro, procúrase sensibilizar a poboación e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e da defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Tamén reivindicar unha atención digna e recursos de calidade. 

A pandemia da Covid-19 tivo un grande impacto na saúde mental das persoas. Algúns grupos, como o persoal da saúde e outros traballadores e traballadoras de primeira liña, o estudantado, as persoas que viven soas e as que teñen afeccións mentais preexistentes, víronse especialmente afectados. Non obstante, e á par, os servizos de atención para os trastornos mentais, neurolóxicos e por consumo de substancias quedaron considerabelmente interrompidos

Co Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra cada 10 de outubro, procúrase sensibilizar a poboación e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole.

Desta volta, o tema elixido para esta conmemoración é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

Baixo o lema “Atención de saúde mental para todos: fagámola realidade”, desde a Organización Mundial da Saúde (OMS) fan fincapé na necesidade de ampliar os servizos de saúde mental de calidade a todos os niveis.   

“A depresión [...] é a primeira causa de enfermidade e discapacidade en todo o mundo, e a segunda causa de morte entre adultos novos”, escribía Iria Veiga, médica psiquiatra do Sistema Galego de Saúde, para Nós Diario co gallo do Día Mundial da Saúde Mental.

 “A depresión [...] é a primeira causa de enfermidade e discapacidade en todo o mundo", afirma Iria Veiga, médica psiquiatra do Sistema Galego de Saúde

E continuaba pondo o foco na cerna do problema, a falta de investimento en materia de saúde mental por parte da Administración galega: “[...] deben existir programas específicos de trastorno mental grave, atención á cronicidade, dispositivos residenciais dignos para as persoas que así o precisen e equipos de atención domiciliaria. Todo isto, por desgraza, continúa sendo claramente insuficiente na Galiza e as cifras continúan a aumentar.”

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza denuncian tamén a falta de apoio por parte da Xunta da Galiza. Nun comunicado que lanzan co gallo do Día da Saúde Mental salientan a importancia de pór as persoas no centro das políticas públicas e reivindican e piden ás administracións "unha aposta clara no investimento de recursos de calidade destinados á atención en saúde mental.”

Reforzar a Atención Primaria

Para o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza falta reforzar a Educación Social en centros educativos para a prevención do acoso escolar, educación para a saúde, prevención de adiccións, educación afectivo sexual, habilidades sociais e outras.

Tamén sinalan que "falta reforzar a Atención Primaria con profesionais que permitan que nos anticipemos e que traballemos coa cidadanía para a adquisición de ferramentas que lles permitan xestionar as súas emocións, a súa vida".

"Falta crer na importancia de apostar pola saúde mental das persoas”, valoran desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza

"Falta crer na importancia de apostar pola saúde mental das persoas”, afirman no comunicado. "A Consellaría de Sanidade ten a sorte de contar no país con diversas profesionais preparadas e con experiencia á súa disposición [...] Agora só falta que empregue estes recursos.[...] O diálogo e o encontro entre as institucións e os profesionais sociosanitarios é chave para coidar e favorecer o benestar da cidadanía. Escoitémola e invistamos nela", conclúen.

O rural, sen atención 

"Na Galiza, a dispersión xeográfica e o illamento poboacional provoca que moitas persoas con problemas de saúde mental que viven no rural estean desatendidas debido á dificultade de acceso aos recursos especializados". Así o manifesta, polo Día Mundial da Saúde Mental, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galiza (Faefes).

“Desde Saúde Mental Faefes Galiza queremos denunciar as desigualdades que impiden unha axeitada atención da saúde mental por parte de todas as persoas, facendo especial fincapé, na Galiza, na dificultade de acceso aos recursos de saúde mental por parte das persoas que viven no rural”.

A desatención do rural é unha realidade "moi palpábel" no territorio galego que se puxo de "especial manifesto" coa aparición da pandemia causada pola Covid-19

Deste modo, poñen o foco sobre unha realidade "moi palpábel" no territorio galego que se puxo de "especial manifesto" coa aparición da pandemia causada pola Covid-19: "a dificultade de acceso aos recursos de saúde mental que sofren as persoas que viven nas contornas rurais". 

A dispersión xeográfica e o illamento poboacional, a escaseza ou inexistencia de servizos especializados nas súas contornas, o descoñecemento por parte das familias e persoas achegadas sobre as propias enfermidades mentais e o estigma que existe cara aos problemas de saúde mental son, para Faefes Galiza, os factores que "provocan que a maior parte da poboación con problemas de saúde mental que vive no rural estea desatendida, agravando así a súa patoloxía".

"Mañá podes ser ti"

Máis alá da problemática do acceso á saúde mental no rural, o movemento asociativo Faefes a nivel estatal lanzou a campaña “A saúde mental, un dereito necesario: mañá podes ser ti”.

O seu obxectivo, en diálogo coa temática mundial desta conmemoración, é denunciar as desigualdades que existen ao redor da saúde mental e que poden ocorrer por diversos motivos (económicos, por idade, por xénero, por educación ou por lugar xeográfico), así como reivindicar a importancia de que a atención á saúde mental sexa igual para todas as persoas.

Ademais, o lema pretende concienciar sobre o feito de que a saúde mental afecta a todo o mundo e que, por iso, todos e todas debemos coidala.