2020, o ano que deixou un mundo máis enfadado, estresado e tristeiro

A Covid non o explica por si soa, recolle unha enquisa, senón que se vén sumar a unha tendencia previa á pandemia.
global_emotions_report
photo_camera 40% dos adultos a nivel mundial dixeron experimentar altos niveis de estrés, unha cifra récord (Foto: Gallup)

En 2020, o mundo estivo máis triste, máis enfadado, máis preocupado e máis estresado do que estivera nos últimos 15 anos. Así se desprende do estudo anual que Gallup publica desde 2006: o Global Emotions Report

A enquisa, cunha significativa mostra de 160.000 persoas en 116 países, reflicte que na maioría dos países do mundo houbo un récord de sentimentos negativos, coa desigualdade e a corrupción como principais causas, ás que se veu sumar a pandemia da Covid-19.

O propio informe apunta que, ao igual que acontece coas emocións negativas, a fame no mundo medra constantemente desde 2014. Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO, polas siglas en inglés), máis de 30% da poboación mundial está a experimentar inseguridade alimentaria a día de hoxe, en comparación co 22,6% de hai sete anos.

Na lista das preguntas realizadas están, por exemplo, "Sorriches ou riches onte?", "Aprendiches algo interesante onte?", "Fuches tratado con respecto" ou "Tiveches algunha dor física?". Así, entre outros datos, rexístrase unha caída de cinco puntos con respecto a 2019 no número de persoas que non mostraron signos de felicidade no día anterior á consulta. Ademais, 40% dos adultos a nivel mundial dixeron experimentar altos niveis de estrés, un récord nestes 15 anos de sondaxes. 

Pobreza e ira

O "informe sobre as emocións globais" busca cuantificar as cuestións que "fan que valla a pena vivir", explican desde Gallup. O obxectivo é ofrecer aos líderes políticos unha visión das súas sociedades que non poden achegar por si sós datos macroeconómicos como o Produto Interior Bruto (PIB).

Os países onde a fenda entre ricos e pobres é maior rexistra os índices máis altos de sentimentos negativos, especialmente o de ira. E son as mulleres con crianzas as máis afectadas polo estrés

Aínda que a Covid-19 xogou un importante papel (segundo os datos económicos, a metade da forza laboral a nivel mundial afirma que cobra menos diñeiro ou que perdeu o emprego como consecuencia da pandemia), os autores da enquisa salientan que o incremento das emocións negativas leva aumentando constantemente nos últimos dez anos.

Os países cun maior índice de sentimentos positivos (rir, ser tratado con respecto, descansar ben, aprender algo novo, ...) son, por esta orde: El Salvador, Filipinas, Noruega, Nicaragua, Paraguai, Senegal, Islandia, Colombia, Nova Celandia e Finlandia. Os que menos os viviron foron Irán, Corea do Sur, Xordania, Benín, Tunisia, Bangladesh, Paquistán, Nepal, Líbano e Turquía, sendo o país otomán o último clasificado. 

E os países con maior índice de sentimentos negativos (tristura, xenreira, estrés, ...) son, por esta orde, Iraq, Líbano, Perú, Exipto, Tunisia, Congo, Irán, Uganda, Ecuador e Malí.

Dor e morte

O informe, ademais, fai referencia ao libro de 2020 Deaths of Despair and the Future of Capitalism ("Mortes de Desesperación e o Futuro do Capitalismo"), onde se reflexiona sobre a caída da esperanza de vida nos EUA, un país rico, relacionándoa coa falta de expectativas vitais de certos sectores da poboación e o abuso de estupefacientes como alternativa. O aumento nesas mortes ─apunta a enquisa de Gallup─ coincide coa persoas que afirmaran padecer maior dor física de todo o país. 

Comentarios