Detectados 153 actos racistas en 2019, unha "mínima" parte das vulneracións

Concentración antirracista no Obradoiro o 5 de xuño en repulsa polo asasinato de George Floyd en mans dun policía nos Estados Unidos (Imaxe: Arxina).
2019, SOS Racismo dá conta dun aumento dos actos de discriminación e racismo. E advirten que as 135 queixas e denuncias rexistradas son só a punta do "iceberg". Nun contexto no que a normalización da xenofobia e das mensaxes de odio aumenta sobre todo nas xeracións máis novas, a entidade teme como afectará a crise social da COVID-19 a uns colectivos xa de por si vulnerábeis. 

A pasada semana tiveron lugar na Galiza concentracións antirracistas en repudia do asasinato de George Floyd nos Estados Unidos. En tanto, o racismo é unha realidade cotiá na Galiza para moitas persoas, e entidades como SOS Racismo traballan para detectalo, axudar a quen o sofre e educar a poboación. En maio presentaron o seu informe anual relativo a 2019.

"Chega unha mínima parte das vulneracións que acontecen, moitas veces quen sofre a vulneración non a percibe ou ten medo a denunciar", di Patricia Martínez, avogada e integrante de SOS Racismo.

En 2017, SOS Racismo recibira un total de 70 queixas ou denuncias sobre comportamentos racistas nas súas Oficinas de Información de Denuncia. En 2018, 96 e en 2019, 135. O aumento, cren, responde á apertura de maneira regular da súa sede en Vigo.

Hai quen se autoproclama racista ou ten comportamentos racistas dunha maneira moito máis aberta e normalizada, di Patricia Martínez

Martínez detecta cambios a nivel social. "Hoxe percibimos que hai quen se autoproclama racista ou ten comportamentos racistas dunha maneira moito máis aberta e normalizada, mesmo cun certo orgullo", apunta.

A avogada salienta que estas actitudes ou comportamentos son especialmente destacábeis na poboación máis nova. Antes da emerxencia sanitaria da COVID-19, a entidade recibira numerosos contactos de profesorado solicitando formación ou consello para facer fronte ao repunte da xenofobia nas aulas. 

Racismo institucional

O informe de SOS Racismo destaca que as emigrantes en situación irregular denuncian a metade dos casos de discriminación, sendo un dos colectivos con máis reticencias á denuncia debido á súa vulnerabilidade. "Non sería a primeira vez na que se abre unha orde de expulsión nun caso así, non o temos rexistrado na Galiza, pero si coñecemos casos doutras oficinas", comparte Patricia Martínez.

As dificultades para recibir asistencia médica, para solicitar a tarxeta sanitaria ou abrir unha conta bancaria son algunhas das destacadas pola avogada. Nas menores, o número de casos denunciados é moito máis baixo, arredor de 8% en 2019.  Porén, o informe destaca que a vulnerabilidade desta poboación reviste "dunha maior gravidade" os feitos.

SOS Racismo detectou a vulneración de dereitos de menores estranxeiras por parte da Xunta

En 2019 SOS Racismo detectou o caso dun menor estranxeiro non acompañado de nacionalidade marroquí e tutelado pola Xunta da Galiza cuxa regularización demorara en exceso. "Tirando do fío coñecemos o caso dun total de 16 menores en Pontevedra nesta situación", explica Martínez.

Como titora legal, a Xunta da Galiza debía comezar os trámites para regularizar a situación das menores a partir dos 9 meses do comezo da custodia. SOS Racismo conseguiu que se acudise ao consulado de Marrocos para comezar os trámites. Nalgúns casos chegouse tarde e, cos 18 anos cumpridos houbo quen rematou na rúa sen papeis.

Este exemplo dá conta dun problema angular do traballo contra o racismo: cando son as propias institucións as que discriminan e as agraviadas renuncian a denunciar por medo ou desconfianza na Administración ou no sistema xudicial.

Regularización xa

Durante a pandemia, os servizos sociais mudaron a atención en liña. As migrantes con problemas para comprender a lingua ou accederen a conexións a internet víronse prexudicadas. E, se ben os permisos de estancia e residencia foron prorrogados, esta información non sempre chega a quen a precisa. Elas, teme a entidade, serán as grandes prexudicadas da crise económica e social provocada pola COVID-19.

Xunto a outras entidades, SOS Racismo participou nunha campaña que exixiu seguir o exemplo de Estados como Portugal, demandando ao Goberno central regularizase a situación de todas as emigrantes. Polo momento, a petición non foi escoitada.