Tiffany López Ganet, integrante de Afrogalegas

“Eu mesma son negra e son consciente de que podo ter comportamentos racistas”

Tiffany López Ganet

Vén de se conmemorar o Día Internacional Contra a Discriminación Racial, mais este ano tamén tivo lugar o primeiro aniversario do colectivo Afrogalegas. Para conmemoralo, organizaron un encontro aberto co fin de compartir o traballo realizado ao longo destes meses e para poñer en valor a loita antirracista. Falamos con Tiffany López Ganet, unha integrante de Afrogalegas.

Como foi o encontro co que celebraron o ano de Afrogalegas?

O encontro moi ben. Non sabiamos canta xente ía vir pero viñeron bastantes persoas. Sentímonos arroupadas e queridas e a xente agardaba que nós contaramos as nosas historias, como chegamos a Afrogalegas, o que significa… A impresión que nos deu é que imos por moi bo camiño, aínda que queda moito por deconstruír e traballa,r e por iso a existencia do noso colectivo ten todo o sentido.

 

 

Cando comezou Afrogalegas esperaban chegar a celebrar o primeiro aniversario?

Eu non formei parte do inicio. Hai un ano algunhas compañeiras, que por suposto seguen no proxecto, coñecéronse na representación da peza teatral No es país para negras de Silvia Albert e comezaron a ver a conexión que había: polas vivencias que compartían, debían unirse para falar de cousas que noutros espazos non podían. Coido que no inicio pensábase máis na idea de grupo de autocoidado, un espazo seguro para nós, que ao final é o que segue a ser Afrogalegas.

 

Porque aínda que manteñan a idea de espazo seguro e autocoidados, si que teñen bastante repercusión en redes e medios.

Hai que intentar manter as dúas cousas na balanza: non deixar de lado o que se pode requirir de nós noutros espazos, nesa idea de alianzas e o que se pode construír xuntas e xuntos, pero tamén mantendo algo que naceu para nós, para as mulleres negras racializadas que convivimos na Galiza.

 

Aí entra o tema da dupla discriminación: por ser muller e por ser negra.

Para min o máis interesante é que sen ter un coñecemento específico do feminismo negro e da loita racista e sen poder acceder a iso en toda a miña vida, aínda que xa comezamos a ter máis referentes aos que recorrer, naceu en todas nós só pola nosa vivencia ese activismo e as ganas de cambiar cousas. Por suposto, como mulleres somos conscientes do machismo que vivimos en todo o mundo, pero para min descubrir e entender o concepto de interseccionalidade acuñado por Kimberlé Williams Crenshaw foi fundamental. Non hai ningunha opresión que teña o peso principal e por iso Afrogalegas ten todo o sentido.

 

 

Ademais, hai moita xente que non entende que unha muller negra poida ser galega.

Hai un punto moi importante para nós que é a diversidade: a idea de falar de muller negra ou de afrogalega non pode levar á homoxeneizar a nosa realidade porque cada unha de nós viviu unha historia. Hai mulleres que migraron e traen con elas unha historia, unha procedencia e unha identidade doutro sitio, pero tamén hai outras, como é o meu caso, que somos mulleres negras pero que nacemos aquí. A miña lingua da casa é o galego e é a lingua coa que me sinto cómoda, pero é moi habitual que persoa coa que me encontro, persoa que me cambia ao castelán, fálame moi lento e pregúntame canto tempo levo aquí e se a entendo. Segue sorprendendo que haxa mulleres negras que nacesen aquí ou que polo que sexa chegasen aquí e decidisen que este é o seu sitio e que polo tanto son galegas.

 

"Falar en galego é unha ferramenta máis de reivindicación porque chama moito a atención e é unha realidade que debería estar normalizada"

 

E tamén hai unha discriminación cando elixe falar galego fronte ao castelán.

Si. Eu por exemplo ás veces utilizo o castelán con amigas que non naceron na Galiza, pero dun tempo a esta parte doume de conta de que para min persoalmente falar en galego é unha ferramenta máis de reivindicación porque chama moito a atención e é unha realidade que debería estar normalizada. Aínda que xa utilizaba o galego, agora doume de conta do significado que ten.

 

Volvendo ao colectivo, cales das súas reivindicacións destacaría?

Un dos puntos máis importantes é a visbilización, que se visibilice a existencia de mulleres negras na Galiza, a nosa prensenza e a nosa realidade. Que se entenda que formamos parte de esta sociedade. Ademais, tamén traballamos a deconstrución a dúas escalas: con nós mesmas, porque tamén estamos criadas nunha sociedade racista; e coa sociedade, porque temos que deconstruír eses preconceptos negativos vinculados á realidade das persoas negras e, en especial, das mulleres negras.

 

Entramos no tema de quen di que non é racista porque non exerce unha violencia física cara a unha persoa racializada.

Claro, o máis importante é iso. Moitas veces hai xente que se xustifica no feito de que ten familia negra ou amigos negros pero é que eu mesma son negra e son consciente de que podo ter comportamentos racistas. Hai que deixar de lado a idea de que o racismo é un acto de violencia cara a unha persoa concreta porque só é a punta do iceberg. O racismo para nós é unha estrutura, unha opresión a nivel institucional e a nivel social. O cambio ten que ser a todos os niveis.

 

Cales son os proxectos nos que están traballando agora?

Temos encontros non mixtos que ás veces a xente non acaba de entender moi ben, pero que é o noso espazo de autocoidado. Neses encontros compartimos as nosas vivencias, creamos lazos e moitas veces é difícil que outras persoas empaticen coas realidades que compartimos. Ademais tamén temos encontros mixtos como o do 21 de marzo co obxectivo de abrirnos cara ao resto da sociedade galega para tecer esta rede de alianzas e intentar compartir voces, debater e chegar a cousas interesantes. Eu espero que algunha vez cheguemos a non ter que falar disto, aínda que sexa algo moi utópico.

 

Cales son as maiores dificultades que hai para eliminar a discriminación racial?

Un dos puntos máis importantes posibelmente sexa a educación. Por moito que en paralelo nós esteamos traballando, bebemos duns contidos na nosa educación que non axudan moito: cando a historia de África se conta como se conta, cando a escravitude e a colonización se venden como se venden nos medios de comunicación… A dificultade é que esa información que se bebe dun lado non se atopa no outro e como si ou si temos que pasar por este sistema educativo coido que é un punto importante. Ademais tamén hai moitas limitacións a nivel institucional, porque o tratamento que fan das persoas migrantes e das persoas non brancas é o que provoca que a xente pense como pensa.

 

Nota: de esquerda a dereita Tiffany, Zinthia, Claudibel, Mar, Ninfa e Jeane (Afrogalegas).