Xornadas de diversidade étnico racial

Afrogalegas en Burela

Detalle do cartaz das xornadas de Burela sobre diversidade étnico-racial. Imaxe: cedida.
O colectivo Afrogalegas protagoniza as xornadas de diversidade étnico racial que, do 13 de setembro ao 4 de outubro, organiza en Burela o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Charlas, obradoiros, unha exposición e a presentación do libro Mulleres negras na ciencia conforman o programa.

Unha conferencia sobre a lei de estranxeiría a cargo da xornalista e membra de Afrogalegas Zinthia Álvarez Palomino abre as xornadas o 13 de setembro ás oito do serán na Casa da Cultura de Burela. Outra integrante da asociación, Jeane Costa, falará o 21 de setembro no mesmo lugar sobre “cousificación e hipersexualización étnico racial”. Será ás once da mañá.

O 27 de setembro, Álvarez Palomino presentará o seu libro Mulleres negras na ciencia, parte do proxecto Mulleres negras na ciencia. Farao nos institutos Monte Castelo e o Pedouro. Ese mesmo día no centro de saúde inaugurarase unha exposición sobre as mulleres negras na ciencia. O ciclo rematará o 4 de outubro, ás oito do serán na Casa da Cultura, cunha nova palestra de Zinthia Álvarez: Alianzas desde a perspectiva do feminismo negro.