Galiza rexistrou 190 delitos de odio por orientación sexual e racismo nestes anos

Pintada nazi nun muro.

O noso país ten unha das taxas por este tipo de delitos máis baixas do Estado. Entre 2013 e 2018 houbo 336. 

Máis de 300 delitos de odio foron rexistrados na Galiza no último lustro segundo datos do Ministerio do Interior. Entre 2013 e 2018 -último ano do que se publicaron rexistros- houbo constancia oficial de 336 delitos deste tipo no noso país. Deles, 116 estaban motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima (un de cada tres).  Nese mesmo período rexistráronse 71 delitos de odio por racismo e xenofobia, o que supón 21% do total.

.Entre 2014 e 2018 houbo 228 vítimas de delitos de odio. En 2014 foron 66, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48 rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por racismo e xenofobia. En 2017 foron 41 as vítimas, a maioría delas (23) por condición da súa ideoloxía, seguidas das que o foron por motivacións de racismo ou xenofobia (9) e as de orientación ou identidade sexual (6).

O informe sobre 2018 cifra en 21 as vítimas, a maior parte (10) por orientación sexual e identidade de xénero, mentres que por racismo e xenofobia foron 6, 4 por ideoloxía e 1 discriminación xeracional.

Nese exercicio, 2018, a maioría dos delitos de odio rexistrados foi por racismo e xenofobia (19, que é 45% do total), mentres que por identidade de xénero ou orientación sexual foron 10 (24%) e por ideoloxía outros 10. Dous estiveron relacionados coas crenzas ideolóxicas da vítima e 1 coa idade.

A taxa de delitos de odio na Galiza está entre as máis baixas de todo o Estado español: 1,6 por cada 100.000 habitantes, o que é a metade da taxa española (3,4 por cada cen mil). Só Canarias, Estremadura, Murcia e Nafarroa teñen unha taxa máis baixa.