Despensas baleiras e fogares na corda frouxa

As cociñas económicas, como a de Santiago de Compostela, tamén redobraron esforzos ante o aumento das peticións durante a emerxencia sanitaria (Imaxe: Arxina)
Coa chegada da pandemia, traballadoras sociais municipais, ONG e entidades do terceiro sector multiplicaron esforzos ante as chamadas de axuda solicitan alimentos ou recursos para o aluger. "A demanda nos servizos sociais triplicouse neste tempo e pensamos que isto é só o inicio", apunta Ana Rodríguez, vogal do Colexio Profesional de Traballo Social da Galiza. 

Amadora Núñez é presidenta do Banco de Alimentos de Lugo. Desde o 16 de marzo, dous días despois da declaración do estado de alarma por mor da pandemia da COVID-19, as integrantes da entidade redobraron esforzos para atender o aumento das demandantes de axuda. "Moitas estaban a recuperarse aínda da crise de 2008, comezaban a mirar de fronte e non cara a abaixo, e xusto nese intre aconteceu isto", lamenta. Ao debate arredor do ingreso mínimo vital que está a deseñar o Goberno estatal impóñense as necesidades básicas e  inadiábeis da cidadanía.

"Moitas estaban a recuperarse aínda da crise de 2008", di Amadora Núñez

A paralización da meirande parte dos sectores laborais deu pé á non renovación de contratos temporais, ao remate de empregos precarios sen alta na seguridade social ou ás esperas polas prestacións derivadas dun Expediente de Regulamento Temporal de Emprego (ERTE). "Hai quen non viu un peso desde que percibiu o salario do mes de febreiro", expón Amadora Núñez. Esta problemática coincidiu co teletraballo obrigado desde os servizos sociais ou co feche de centros de día.

A difícil conxuntura da cidadanía vulnerábel que vive baixo o limiar da pobreza, case medio milleiro de galegos e galegas, agravouse. Entre marzo e maio, Cruz Vermella atendeu un total de 56.251 persoas nos ámbitos de emerxencias, inclusión social, saúde, educación e emprego. A elas e eles súmase quen viron reducidos os seus ingresos ao longo de dous meses e quen, por vez primeira, pasaron apuros para encher as lacenas ou pagar a factura do aluguer. "A demanda nos servizos sociais triplicouse neste tempo e pensamos que isto é só o inicio", apunta Ana Rodríguez, vogal do Colexio Profesional de Traballo Social da Galiza

Servizos sociais

Nuns poucos días, o día a día do persoal de servizos sociais virou por completo. "Se ben hai diferenzas entre como actuaron os Concellos, penso que en xeral fíxose un labor excepcional: nun tempo récord adaptáronse ao teletraballo, recolleron novas demandas e coordináronse cos casos derivados desde os servizos sanitarios, por exemplo", valora Ana Rodríguez.

As urbes galegas acumulan moitas das peticións de axuda. Na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo Cruz Vermella colaborou na habilitación de albergues temporais para persoas sen fogar. Tamén en Vilagarcía de Arousa puxeron en marcha este servizo, ofrecendo en total 330 prazas. No país, a mesma entidade calcula que unhas 1.200 persoas viven na rúa.

Traballamos na atención á ermerxencia social máis absoluta, di a concelleira da Coruña Eudoxia Neira

Desde A Coruña, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Eudoxia Neira, explica que durante marzo, abril e maio os servizos sociais traballaron e traballan "na atención á emerxencia social máis absoluta". Neste tempo, atenderon arredor de 10.000 solicitudes. O Concello herculino artellou unha rede de voluntariado que logrou máis de 500 persoas anotadas e que realizou compras de alimentos ou medicamentos a maiores ou familias en corentena, entre outras tarefas. A maiores, habilitáronse aloxamentos para vítimas de violencia machista ou programas de axuda ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria.

As usuarias do comedor social e dos menús escolares incrementáronse, explica a concelleira de Pontevedra Paloma Castro

Paloma Castro, edila da área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Pontevedra explica que os servizos municipais adaptaron a entrega a domicilio, a través de Protección Civil, de menús para alumnado usuario dos comedores escolares e persoas que acudían ao comedor social de San Francisco. "Normalmente atendemos 150 persoas, agora son 200", apunta Castro. As usuarias dos menús escolares tamén se incrementaron de 72 a 112 rapaces e rapazas. Ambas as edís explican que nos albergues para persoas sen fogar da Coruña ou Pontevedra achegouse atención sanitaria ou mesmo laboral. 

As lacenas baleiras

O Concello de Pontevedra recibe tamén a colaboración do Banco de Alimentos. Estas entidades redobraron os seus esforzos desde o estado de alarma. Na última quincena de marzo, o de Ourense repartiu 210.000 quilogramos de alimentos. "Até antes de marzo podiamos recibir derivacións por parte de Concellos para cubrir emerxencias puntuais mentres non se tramitan as axudas sociais, desde marzo hai infinidade de chamadas directamente desde as usuarias", explica a súa coordinadora, Natalia González.

Hai infinidade de chamadas directamente desde as usuarias, di Natalia González, do Banco de Alimentos de Ourense

En Ourense, a entidade reparte as doazóns e produtos mercados a 17 entidades de distintas comarcas do interior, a maioría delegacións parroquiais de Cáritas, que, a súa vez, as fan chegar ás familias que os precisan. "Abarcamos un total de 7.000 familias", explica González, quen apunta que a pesar das doazóns recibidas o centro precisa nestes momentos arroz, conservas de peixe ou aceite.

O método de traballo do Banco de Alimentos de Lugo é distinto. "As segundas feiras facemos reparto de lotes ás familias de Lugo e arredores", explica Amadora Núñez. As quintas feiras achéganse familias desde Quiroga, Becerreá, Láncara ou Sarria. En ambas as quendas percibiu un aumento das peticións. "Sobre todo de  familias con rapazada, que é o máis doloroso de ver, xente que explica que leva dous días sen poder mercar unha barra de pan porque non tiñan de onde apañar os cartos", engade.

Tivemos solicitudes de Concellos do ámbito rural para cubrir emerxencias en marzo e abril, di Natalia González

Natalia González e Amadora Núñez explican que tamén detectaron un incremento das chamadas desde áreas rurais. "No rural sempre hai máis colaboración por parte da veciñanza, que pode ter acceso a produtos de autoconsumo, pero iso non significa que non haxa necesidade, tivemos solicitudes de Concellos do ámbito rural para cubrir emerxencias nos meses de marzo e abril", di a primeira. 

O labor das entidades

Durante a emerxencia sanitaria, as entidades do terceiro sector volvéronse situar como un apoio indispensábel para as Administracións. Xosé Cuns, da rama galega da Rede Europea de loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), defende que as 150 entidades que agrupa "séntense parte dos servizos públicos". Todas elas, expón, traballan desde un enfoque "de dereitos, polos dereitos esenciais das persoas en situación de pobreza e exclusión".

Para Cuns, os labores asistenciais, como a achega de alimentos, deben constituír un apoio puntual. "O traballo que fixeron de esforzo nos bancos é imprescindíbel", valora, mais rexeita que, como na crise de 2008, "repartan alimentos ás familias durante dous, tres e até cinco anos, iso é síntoma da incompetencia dos servizos sociais".

É evidente que cando a necesidade dos equipos se triplica hai que reforzar o persoal, afirma Ana Rodríguez, do Colexio de Traballo Social

Para Ana Rodríguez, a cobertura de necesidades básicas -a alimentación, o fogar, os coidados- "ten que vir da man dos poderes públicos". "O que acontece agora é que se non fose por esas entidades habería moita xente con problemas graves para alimentarse e iso non pode ser", expón. 
Desde o Colexio Profesional de Traballo Social da Galiza vénse reclamando un reforzo dos cadros de persoal municipal. "É evidente que cando a necesidade dos equipos se triplica hai que reforzar o persoal", salienta Rodríguez.

Desde a EAPN Galiza e doutras entidades, como a ONG Igaxes, seguen con atención as novas arredor do ingreso mínimo vital. Cuns defende que debe ser complementada con prestacións dos Gobernos autonómicos e non supor un aumento da burocratización. "Esta chegou a uns límites insoportábeis", critica.