Os bancos de alimentos crecen na crise

Os bancos obteñen os alimentos, que despois se reparten a través de distintas entidades sociais.(Europa Press)
A crise social que acompaña a pandemia do coronavirus está poñendo a proba as capacidades dos bancos de alimentos galegos, mais tamén está a demostrar o nivel solidario da sociedade, organizada e tamén a nivel individual, segundo constatan desde as entidades. 

A semana pasada, a federación do bancos de alimentos de Vigo fechaba con 40.000 quilos de comida a súa primeira operación solidaria online, na que fixeron parte unhas 1.500 persoas. Este impulso testemúñano tamén Conchi Rey e Amadora Núñez, presidentas do banco de alimentos Rías Altas, que presta servizo nas áreas da Coruña, Ferrol e Compostela, e do de Lugo,  dúas entidades que sosteñen a súa actividade no traballo voluntario de varias ducias de persoas.

"Notamos moito as doazóns, tanto de empresas, moitísimas, e de asociacións como de particulares. Houbo quen nos ingresou toda a súa nómina dun mes", corrobora agradecida a fundadora do banco de alimentos de Lugo, que se declara "unha voluntaria máis", pero co coñecemento que dan trece anos xa de actividade. 

Se en 2007 a súa organización foi proba da crise "enorme" que se viña enriba da xente, hoxe Núñez lanza consignas optimistas ante a "preocupación" e o "medo" que volve ver en moitas das súas usuarias. "A cousa estábase estabilizando, a xente estaba atopando traballo...", reflexiona. 

Co confinamento, o volume de familias que precisan da axuda do banco subiu, desde as 1.200 que atendían na sede de Lugo cada semana até as perto de 1.500, que sobrepasan as 2.000 coas que atenden desde A Mariña e Monforte. "De aquí saen semanalmente entre 15.000 e 17.000 quilos de alimentos", cuantifica Núñez, sobre un banco que, malia o confinamento, mantén case intacta a súa fórmula de traballo: dúas xornadas de reparto –terzas feiras, para familias de Lugo cidade e arredores, en dúas quendas en función do número de membros, e sextas feiras, para a xente que vén doutras poboacións– e recollida na propia nave, coidando as medidas de prevención sanitaria, con distancias e tempos taxados e axuda de Protección Civil para axilizar as entregas, que realizan persoas voluntarias de dúas entidades sociais. Para aquelas que non poden saír da casa pola corentena, persoal da Cruz Vermella está a realizar repartos. 

No Banco Rías Altas teñen claro quen son as persoas ás que esta crise está deixando sen recursos básicos como os alimentos. "Familias que ían xustas e ás que agora non lles dá, porque están en ERTE, houbo despedimentos, hai atrasos nos cobros... Tamén autónomos que acababan de montar negocios. E despois está a economía somerxida, que estaba aí e agora sae a flote: mulleres que traballaban limpando casas, coidando persoas maiores ou crianzas... traballos sen regularizar", avalía Conchi Rey.

Desde os seus catro almacéns da Coruña, Compostela e Ferrol, o banco Rías Altas traballa mediante convenios con 181 entidades sociais, que son as que entregan os alimentos. "Unhas 22.000 persoas", sinala a presidenta, que estima que a carga de traballo aumentou 50% no confinamento, até acadar os 15.000 quilos que entregan a diario. 

Nestes días, o banco tamén colabora cos servizos sociais municipais para prover de alimentos familias vulnerábeis. Ese aumento enfróntano grazas aos "centos e centos" de particulares que doan comida ou diñeiro, das Administracións e, tamén, das empresas e cadeas alimentarias, "que se están portando". 

Cubrir os almorzos e merendas para as crianzas no confinamento

Aínda que a liña de traballo é similar á habitual, os bancos de alimentos teñen moi en conta que, polo confinamento, as nenas e nenos teñen que almorzar e merendar na casa. "Ademais do leite, que xa é de sempre, estamos repartindo moitísimo cacao e moita galleta", sinala desde o Rías Altas Conchi Rey, quen salienta tamén a salsa de tomate, como aderezo para os pratos de pasta e arroz das máis pequenas, con algo de proteína.

Tamén no banco de alimentos de Lugo pensan estes días nas crianzas, e os seus repartos inclúen patacas fritidas ou algunha outra "chuche". "Hai que darlles algunha alegría", admite Amadora Núñez, quen engade o queixo, o mel e os xeados dos lotes. Estes levan tamén verdura fresca e varios tipos de froita –o de hoxe, mandarinas e plátano–, "porque nas casas con menores necesitan unha alimentación completa", recalca a voluntaria.