Sonia González: "Esta crise está axudando a ver que non valen as políticas de pór parches"

González coordina a área de acción profesional do Colexio.
Como parte da Xunta de Goberno do Colexio de Educadoras Sociais da Galiza, Sonia González defende a necesidade de estender este perfil profesional aos servizos sociais de todos os concellos e salienta o papel que están a ter para afrontar a crise sanitaria, sobre todo nas persoas máis vulnerábeis.

Que necesidades están a detectar nesta crise as profesionais da educación social que traballan nos servizos sociais comunitarios, os dos concellos?
Hai necesidades que se disparan porque, para moitas persoas, estar na casa supón máis gastos. Persoas que xa eran usuarias dos servizos sociais, pero tamén outras que non recibían ningunha atención economica para necesidades básicas que agora hai que sufragar. Nos concellos, esta situación está supondo unha sobrecarga de traballo tremenda para servizos sociais comunitarios, moito máis do duplo do que tiñan até agora.  

Algunha demanda que se teña incrementado de forma notoria?
Soben as necesidades de alimentación, de menores que estaban en centros educativos con servizo comedor. En moitos concellos sufragouse o comedor escolar para apoiar situacións vulnerábeis pero como esta crise chegou moi rápido, as decisións tamén o foron, e depende do concello. Algúns optaron por levar os comedores ás casas, outros adoptaron unha alternativa que, ao noso entender, é máis digna, como é favorecer apoios económicos para que as familias poidan decidir sobre a alimentación de todo o núcleo familiar.  

Xurdiron peticións que antes non se visen?
O acompañamento a persoas maiores para actividades como a compra. Moitos concellos tiveron que prestar ese apoio, a través de servizos esenciais como Protección Civil. Nesta situación, a fenda dixital está máis presente que nunca, hai moita xente que non pode acceder a servizos de venda en liña. 

Como se afrontou o aumento de persoas usuarias?
Depende do lugar. Houbo concellos que chamaron unha por unha as persoas empadroadas que viven soas para coñecer as súas necesidades. É verdade que no rural funciona máis a rede veciñal, o que supón un alivio, pero nos concellos cunha parte rural e outra semiurbana, a verticalidade dos pisos, das vivendas, fai que as relacións vaian a menos, e atopas xente que está vivindo soa e non ten relacións de vecindade. Atender e acompañar esta poboación é unha función que se está asumindo desde os servizos sociais comunitarios. 

Que colectivos son os que quedan máis expostos nesta crise?
As familias vulnerábeis. Hai colectivos e familias que están sendo moi golpeadas a nivel de traballo, e tamén no escolar: menores con pais e nais con poucas habilidades educativas que están sufrindo especialmente esta situación. Familias que vivían de economías sumerxidas e non eran usuarias dos servizos sociais, pero que neste contexto son moi golpeadas. Situacións coma esta están aflorando a través dos centros escolares, de non ser por esta crise non se coñecerían. 

Que medidas propón para enfrontar o que vén?
Desde o Colexio, ademais de estar perto das colexiadas, quixemos formular propostas e así o fixemos, tanto á Xunta como a todos os servizos sociais municipais. Vemos esencial reforzar os equipos sociais e traballar desde unha perspectiva de dignidade, de acompañamento á persoa e non de trámite, como se estaba facendo. O que demostra esta crise é que tanto o sistema de servizos sociais como o sanitario e o educativo teñen que traballar ao carón da persoa e desde a súa dignidade. De nada vale favorecer axudas económicas se quedan aí, sen apoiar os cambios. 

Algunha proposta a destacar?
Desde hai moito tempo vimos defendendo o apoio á renda básica que permita traballar desde a dignidade das persoas para, partindo dunha situación de dignidade, poder favorecer unha boa selección do posto de traballo, unha boa formación ou a redución da fenda dixital que estamos detectando, que fai que menores non estean tendo acceso a ningún tipo de formación.

A nivel dos concellos, que pasos deberían seguirse unha vez conclúa a emerxencia sanitaria?
O camiño pasa por reforzar equipos durante unha boa tempada, por coordinarse cos centros escolares e por favorecer programas de expresión de situacións de maltrato que se están dando e que non se están visibilizando. Unha vez que pase este momento van ser moi necesarias as vías de escoita. A xente está na casa, pero unha vez que poida volver achegarse aos servizos sociais, ou, no caso de menores, incorporarse a actividades grupais organizadas, vai empezar saír unha serie de demandas que haberá que atender. A crise está axudando a ver que as políticas teñen que traballar anticipándose aos feitos, no canto de pór parches. 

A conexión necesaria dos servizos sociais cos centros educativos

A educadora social salienta, de entre as propostas trasladadas aos concellos desde o Colexio, a necesidade de coordinar de forma permanente os servizos sociais comunitarios cos centros de ensino para asegurar a educación social dentro da escola e apoiar as familias máis vulnerábeis. Os protocolos que hoxe funcionan inclúen o maltrato infantil, a violencia machista e o acoso escolar, que si se trasladan aos servizos sociais.

"Non pode ser que teña que xurdir un problema concreto para que se comunique desde o centro e se poida atender e apoiar unha familia que o precisa", sinala González, advertindo que esa comunicación depende da formación dos equipos docentes. "Agora máis que nunca estamos decatándonos do necesaria que é esa coordinación", estima, e subliña que outros territorios fixeron proxectos piloto exitosos nesta liña.