Tras abril, persisten as chamadas que piden alimentos e axuda coas facturas

O equipo da Cociña Económica de Compostela traballando durante a emerxencia sanitaria (Imaxe: Arxina).
No mes de abril, servizos sociais, entidades galegas e locais e redes veciñais traballaron arreo para axudar aquelas familias en situación vulnerábel a causa da emerxencia sanitaria. Durante a crise, multiplicáronse as demandas para cubrir necesidades tan básicas como a alimentaria. 

A comezos do mes de maio os Bancos de Alimentos de Rías Altas, Lugo, Ourense e Vigo agradeceron toda a "solidariedade" recibida durante as primeiras semanas da emerxencia sanitaria. E pediron que se mantivese, xa que calculan que as consecuencias económicas da mesma darán pé a un incremento das usuarias.

Nas urbes, os servizos sociais puxeron en marcha bonos para a compra de alimentos, caso do concello de Compostela, ou tarxetas cargadas con cartos para a compra, no de Vigo. Tamén as cociñas económicas de Compostela, A Coruña, Lugo ou Ferrol traballan a reo nestas semanas para tratar o aumento das peticións de menús. A compostelá reparte actualmente arredor de 200 entregas.

"A demanda foi máis intensa en abril, sobre todo polas persoas que estaban agardando para cobrar a prestación por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego", explica a traballadora social Tamara Balboa, do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas de Verín. A entidade, xunto con Cruz Vermella ou Cáritas, serve de apoio aos servizos sociais da comarca. 

Axuda no rural

Os préstamos estatais do pago do alugueiro ou da hipoteca non foron aprobadas até o mes de maio. E as axudas específicas da Administración galega non foron publicadas. "O  pago do aluguer foi unha demanda frecuente, xunto co das facturas atrasadas da luz ou do gas", apunta Balboa.

Ao longo de abril a CDR Portas Abertas e mais outra oficina da entidade en Vilardevós atenderon unhas 50 familias nos concellos da comarca de Verín. "Achegamos medicinas, alimentos, pero tamén material escolar para as familias con menos recursos", explica a traballadora social. Unha barreira á que fan referencia as responsábeis da Cociña Económica de Compostela.

Balboa explica que desde o CDR habilitaron un teléfono de axuda urxente. "Recibimos moi poucas peticións, penso que a xente é reticente a pedir axuda, é moi difícil, sobre todo para quen nunca estivo nunha situación semellante", di.

Abril tamén foi un mes especialmente atarefado para Jane Liz, a responsábel da Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro). "As nosas usuarias son mulleres en situación de vulnerabilidade, nais con crianzas, vítimas de violencia machista ou mulleres con empregos precarios ou que traballan sen estar dadas de alta", resume.

Femuro dá asistencia a medio cento de familias e usuarias. "Para non deixalas soas sigo en contacto permanente chamando, preguntando se precisan alimentos", di Liz. 

Necesidades urxentes

Jane Liz explica que moitas das consultas requiren unha orientación cara aos servizos sociais ou axuda para solicitar unha prestación. "Agora tamén podo recibir unha mensaxe que diga 'non teño leite para mañá'", conta. Coa oficina de novo en marcha, a entidade botou a andar unha campaña de recollida de alimentos. "Alédame comprobar que cando se pide axuda á xente, esta responde", afirma ela.

Outras entidades levaron adiante campañas para achegar unha resposta rápida ás familias máis vulnerábeis. É o caso da ONG Igaxes e a súa iniciativa "Alento Familiar" de recollida de fondos para destinalos a 200 fogares con crianzas en situación de risco.

Mais non só. Na emerxencia sanitaria a autoorganización veciñal sumouse para fiar os ocos da rede formada por servizos sociais, ONG e entidades do cuarto sector. Os Grupos de Apoio Mutuo da Coruña e de Ourense, a Rede de Apoio Mutuo de Lugo ou ODS Coia colaboran achegando alimentos ou cubrindo o pago de facturas.

Na Coruña, desde a súa posta en marcha, o grupo veciñal atendeu máis de 5.000 persoas. Nun comunicado, as súas integrantes advertiron que a actual emerxencia sanitaria "está a aumentar a situación de precariedade de moitas familias".