Medio millón de galegos e galegas por baixo do limiar da pobreza

Un estudo de CCOO indica que 543.000 persoas na Galiza viven con menos de 8.871 euros anuais. A taxa de pobreza das persoas menores de 24 anos é superior á media xeral

enchufe_flickr pobreza luz

Un total de 542 892 persoas na Galiza, 18,8 % da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza, fixado en 8871 euros anuais para unha persoa soa. Esta é una das conclusión do estudo elaborado por CCOO co gallo de que esta quinta, 17 de outubro, é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

Os últimos datos públicos confirman que son “moitas, demasiadas, as persoas que viven unha situación dramática”, sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO. Nos últimos anos, malia a suposta recuperación económica, a renda distribúese na Galiza dun xeito “desequilibrado e inxusto”, o que ten como consecuencia un incremento das desigualdades sociais entre o 2013 e o 2017.

Para Bouza reviste “especial gravidade” a situación da poboación máis nova: as persoas menores de 16 anos teñen unha taxa de pobreza de 21,65 % e as de menos de 24 anos do 23,48 %, porcentaxes “moi por riba da taxa de risco de pobreza xeral”. Tamén hai un nesgo de xénero, pois as taxas de pobreza femininas son máis altas ca as masculinas.

CCOO defende que as redes de protección social desempeñen un papel “determinante”, a comezar polo sistema público de pensións e de protección por desemprego, e continuando polas rendas de inserción, que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas. “As dúas primeiras van ligadas en maior medida á vida laboral”, apunta a secretaria de Emprego do sindicato, mais, como se recolle neste estudo, “a situación de pobreza conflúe coa de baixa intensidade no traballo”.

Comentarios