Desescalar partindo do local e de quen o habitan

(Arxina)
Voces de diferentes eidos analizan con Nós Diario a posibilidade dunha desescalada do confinamento que atenda as particularidades de cada territorio e os dereitos de distintos colectivos, entre eles os das nenas e nenos.

O 14 de marzo, entrou en vigor o estado de alarma decretado polo Goberno estatal "para facer fronte á expansión do coronavirus". O Executivo asumiu o mando único en todo o territorio e ordenou a restrición de movementos e o feche de estabelecementos, agás os considerados esenciais.

A pandemia evolucionou de xeito diferente nos territorios estatais. Naquela altura, a Comunidade de Madrid rexistraba 950 novos contaxios, cun total de 2.940, mentres que na Galiza a Administración informou de 30 novos contaxios rexistrados,  115 en total.

"Co confinamento aplicouse un modelo deseñado para grandes urbes como Madrid ou Barcelona", afirma Rubén Lois.

As medidas aplicadas após decretarse o estado de alarma non diferenciaron nin as particularidades dos territorios nin a incidencia da enfermidade na súa poboación. De cara á desescalada, semella que se procurará unha maior adaptabilidade.

Así o anunciou o pasado sábado o líder do Executivo estatal, Pedro Sánchez, no medio das presións exercidas por diferentes Gobernos territoriais e as reclamacións de forzas no Congreso coma o BNG. O seu deputado, Néstor Rego, reclamou que a Xunta elaborase protocolos "adaptados á realidade da Galiza". 

Prevención local

O profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Francisco Caamaño, explica que, sen unha vacina efectiva, o confinamento é a medida máis eficaz á hora de frear novos brotes nunha poboación sen unha alta porcentaxe de inmunidade. Non obstante, prolongala pode causar danos na saúde que a desaconsellen. 

A medida que se incremente a capacidade de mobilidade da cidadanía, puntualiza Caamaño, cómpre facer fincapé na "responsabilidade individual" á hora de manter a distancia de seguridade. "Tamén a tensión social é importante, non perder de vista que a enfermidade segue aí", di.

"Cando unha Administración adopta medidas invasivas debe optar pola menos lesiva e que máis favoreza a liberdade", afirma Alba Nogueira

"A poboación deberá levar máscaras ao saír da casa, así como realizar un frecuente lavado das mans e terán que buscar activamente casos mediante a realización masiva de tests aos colectivos con maior risco de exposición", afirma Juan Gestal, docente emérito pola USC na mesma área da Medicina. 

Caamaño amósase partidario de adaptar as medidas a un nivel local. "Desde o punto de vista da epidemioloxía, nada ten que ver unha urbe, cunha concentración moi alta de poboación, cunha vila ou aldea", sinala, engadindo que a organización "debe ser moi local, adaptada aos barrios, no caso das cidades, e evitando as aglomeracións". 

A favor da liberdade

In dubio favor libertatis, "ante a dúbida, a favor da liberdade", é o principio do dereito ao que se remite a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, para defender  normas adaptadas aos territorios. "Cando unha Administración adopta medidas invasivas debe optar pola menos lesiva e que máis favoreza a liberdade", afirma, "e unha interpretación uniforme da restrición de liberdades non o é".

"Na propia Galiza", matiza Nogueira, "a situación da área sanitaria da Coruña e a de Lugo non é a mesmas, da mesma forma que hai diferenzas entre unha contorna urbana, onde as medidas de distanciamento son máis necesarias, e unha rural".

Cando unha Administración adopta medidas invasivas debe optar pola menos lesiva e que máis favoreza a liberdade, di Nogueira

A aprobación do estado de alarma abriu un debate no seo da comunidade xurídica. "Hai quen o percibe doutra forma, mais eu son crítica con respecto á idea de que co amparo dese instrumento se poidan tomar medidas como a do confinamento xeral", expón Nogueira, engadindo que implica unha "suspensión do dereito de circulación e doutros aparellados ao mesmo".

A docente engade que o Real Decreto do estado de alarma deixou "aberto" o sistema a empregar para asegurar o cumprimento das medidas. "A primeira norma que se utilizou foi a lei de seguridade cidadá, que contempla sancións moi elevadas", explica, salientando que "di moi pouco do Estado que as multas superen o número de probas realizadas". "Sobre todo porque os datos de mobilidade amosan que 43 millóns de persoas están permanentemente na casa", di.

A primeira norma que se utilizou foi a lei de seguridade cidadá, que contempla sancións moi elevadas, observa Alba Nogueira

Unha das indicacións que desembocou en protestas foi a limitación, aprobada pola Xunta da Galiza, dos desprazamentos para coidar das hortas para autoconsumo a 500 metros. Así o denunciaron colectivos e sindicatos como a Fruga ou o Sindicato Labrego Galego.

"E non só iso, tamén hai outras incoherencias coma o feito de que a actividade madeireira sexa considerada esencial, pero que unha persoa non poida limpar o seu monte para previr lumes no verán", reflexiona o catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC Rubén Lois.

"Co confinamento aplicouse un modelo deseñado para grandes urbes como Madrid ou Barcelona", coincide Lois. No camiño a un modelo adaptábel aos territorios, o profesor destaca a importancia da "coordinación interadministrativa".

Esta é necesaria non só para adaptar o día a día na contorna doméstica e máis próxima, senón para ordenar a mobilidade da poboación. "Após a desescalada, os galegos somos os que máis nos trasladamos e iso débese á comarcalización ou metropolización do emprego na Galiza, con moitas persoas traballando nun municipio distinto ao da súa residencia", explica Rubén Lois. 

Os dereitos das crianzas

A partir do 27 de abril, as menores de 14 anos poderán saír á rúa acompañadas de persoas adultas. Unha decisión inicialmente limitada polo Goberno español ao acompañamento de actividades tamén adultas, como desprazarse ao supermercado. ""

"Desde o punto de vista epidemiolóxico, non vexo ningún problema coa súa saída á rúa a partir do domingo", precisa o especialista en Medicina Preventiva Juan Gestal, "e mellor para xogar ou pasear que para ir á compra".

"Desde o punto de vista epidemiolóxico, non vexo ningún problema coa saída á rúa das crianzas", apunta Juan Gestal

Ricardo Fandiño, psicólogo e integrante da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (Aiseaia), explica que á hora de deseñar políticas poñerse en lugar das crianzas "supón un esforzo cognitivo". "É importante superar esa barreinra, pensar a infancia en termos de diversidade á hora de trazar medidas".

"A rectificación era indispensábel, porque a primeira versión que se deu non tiña nin pés nin cabeza", valora Comba Campoi, nai e integrante do colectivo Maternidades Feministas afincado en Compostela. "As crianzas precisan xogo, brincar, ou correr, sobre todo as que non teñen a sorte de ter unha horta ou un xardín, estalles a faltar", precisa.

As crianzas precisan xogo, brincar, ou correr, explica Comba Campoi

O colectivo está a elaborar unha enquisa, aínda aberta á participación, que recolle as experiencias das familias no coidado de crianzas no confinamento. "Dáse por feito que tes que teletraballar, animar a túa crianza, limpar e cociñar", resume Campoi, salientando o "estrés" de moitas das nais.