BNG propón ao Goberno español que Galiza deseñe a súa propia 'desescalada'

O Bloque apoia a prórroga do estado de alarma mais móstrase moi crítico coa xestión da crise por parte do Executivo español.

Néstor Rego (BNG).
photo_camera Néstor Rego (BNG).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, propuxo ao Goberno español que sexa o Executivo galego quen deseñe a “desescalada” para Galiza. Un deseño “adaptado á realidade da Galiza”, indicou, apontando en que “somos conscientes de que poderán equivocarse” mais tendo en conta que se ese deseño se fai desde Madrid “con criterio uniforme”, equivocaranse seguro.

Así o expresou Rego na súa intervención no Pleno do Congreso, onde o BNG mostou o seu apoio a prorrogar 2 semanas o estado de alarma mais, aclarou, “non apoiamos a súa xestión”.

Defendeu a actitude construtiva e propositiva que mostraron sempre os nacionalistas, mais foi crítico coas medidas económicas que adoptou o Goberno “por consideraralas insuficientes e en moitos casos inxustas”. Tamén cuestionou a centralización das decisións que se tomou dende un principio, que foi considerada polo BNG como un erro por deseñar medidas contra a emerxencia sanitaria “cun criterio uniforme pensado desde Madrid”, que non se adaptaron á realidade das diferentes nacións, como é o caso da Galiza.

O BNG tamén se mostrou moi crítico coa “escenificación militarizada da xestión”, coa “tentación de converter o estado de alarma en estado de excepción”. “Fan declaracións que poñen en risco dereitos e liberdades públicas e actuacións que directamente os conculcan como aplicar o artigo 36.6 da Lei Mordaza, esa que ían derrogar de forma inmediata” sinalou Néstor Rego dende tribuna e que “non só non a derrogan, senón que a utilizan de forma improcedente para facer cumprir o Estado de Alarma”.

Comentarios