As incertezas da selectividade engaden ansiedade ao confinamento na adolescencia

Estudantado na última EBAU.
A partir dos 14 anos, rapazas e rapaces deberán manter desde o domingo o confinamento estrito que se relaxa para as crianzas menores. Familias e persoal especializado concordan coa decisión, mais apuntan ao ámbito educativo e moi especialmente á selectividade, como causa de ansiedade e estrés nestas etapas.

As mozas e mozos adolescentes  afrontan os máis de corenta días de confinamento con "menor ansiedade" e cunha necesidade "menos perentoria" de saír á rúa que as nenas e nenos, que, desde este domingo, verán relaxadas as súas restricións de mobilidade con saídas controladas e tuteladas por persoas adultas. Desde o Colexio de Psicoloxía da Galiza apuntan aodesenvolvemento cognitivo, cunha capacidade de análise e razoamento abstracto máis similar ao das persoas adultas, xunto ao uso das redes sociais nas relacións persoais, como ferramentas que, en xeral, permiten nesta idade soportar o encerro en mellores condicións que crianzas máis pequenas, sen problemáticas específicas.

Esta conclusión ten unha única salvación, que está relacionada coa "ansiedade" que están a xerar nas franxas de idade a partir dos 12 ou 13 anos as obrigas educativas en confinamento, e que se ve agravada no caso do alumnado  de segundo de bacharelato que este ano se enfronta ás probas de acceso á universidade, ABAU.

"Non ven perspectiva, non saben como van ter que facer, e esas incertezas si xeran ansiedade e, nalgúns casos, rasgos depresivos ou alteracións do sono", constata Hipólito Puente, vicedecano do Colexio e psicólogo no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, quen apunta a unha "ansiedade engadida á do encerro" vinculada á organización da actividade docente, especialmente nos cambios de etapa. 

O diagnóstico coincide co da Confederación de Anpas Galegas, que sinala á "desorganización" no ámbito académico como unha causa de preocupación na mocidade e, particularmente, no alumnado de segundo de bacharelato. "Existe un absoluto descontrol entre as autoridades educativas universitarias e as preuniversitarias", observa Fernando Lacaci, presidente da confederación, quen censura unha "falta de concordancia" que vai máis alá do deseño e calendarización da selectividade e afecta, por exemplo, ao inicio do próximo curso universitario. 

Desde Anpas Galegas sinalan, como causa de "angustia" nestas etapas, as dificultades do alumnado para tomar o control da súa formación ante a falta de instrucións claras, dado o modelo "tremendamente dirixido" da educación galega, "na que poucas veces se lle abre a xestión do traballo". "Non saben reaccionar, nin administrar o seu tempo, porque ninguén lles está a dar indicacións e non comprenden tampouco a falta de coherencia na carga de traballo que se lles encomenda", razoa Lacaci.

Precisamente, a planificación do tempo –e do tempo de estudo– é unha das pautas que trasladan desde o Colexio de Psicoloxía para facilitar o confinamento nas persoas adolescentes. O seu vicepresidente empraza as familias a axudar, no posíbel, neste labor."Axudalos a xerar rutinas, que son moi importantes e en segundo que idades as menores aínda non teñen capacidade para estabelecelas", sinala, "o tempo para as amizades, os xogos online e o lecer, a actividade física e os espazos coa familia". 

O especialista pide tamén "relativizar enfados, actitudes e reaccións das menores, nesta situación especial" e "axudalos a expresar as emocións, a falar do que está pasando".