As produtoras de autoconsumo advirten que esta "non é unha alternativa de ocio"

As integrantes de Aldea Cooperativa non poden desprazarse á súa horta autoxestionada en Vigo por mor das restricións (Imaxe: Aldea Cooperativa)
Piden á Xunta que elimine as restricións para atender os cultivos que se atopan a máis de 500 metros e que non requira o carné de manipulación de produtos fitosanitarios. "É o camiño cara a soberanía alimentaria", afirman.

"O autoconsumo non é unha alternativa de ocio, senón un complemento económico para a subsistencia das familias", asegura o colectivo Salvemos a comarca de Ordes a Nós Diario, lamentando que a Xunta da Galiza os considere "agricultores de fin de semana".

Esta crítica vén sendo repetida por produtoras e sindicatos labregos desde a entrada en vigor da Orde do 23 de marzo de 2020, que limita os desprazamentos aos cultivos de autoconsumo a 500 metros. A maiores,  a norma ditada pola Consellaría de Medio Rural indica que deberán xustificarse ante as autoridades acreditando o carné de manipulador ou aplicador de produtos fitosanitarios.

Esta semana, 30 colectivos galegos asinaron un manifesto no que cargan contra a orde da Consellaría de Medio Rural que regulou os desprazamentos aos cultivos de autoconsumo. "A horta de autoconsumo é un alicerce da soberanía alimentaria, polo que é vital mantela para afrontar de forma máis segura e con máis ferramentas esta crise", expoñen, salientando que "é máis seguro ir á horta que acudir aos supermercados".

Isto deixa fóra a quen cultivamos en ecolóxico, di Andrés Santos

"Isto deixa fóra a quen cultivamos en ecolóxico, pois non aplicamos ese tipo de produtos", lamenta Andrés Santos, integrante de Aldea Cooperativa, un grupo de consumo asentado en Vigo que conta con dúas hortas, unha delas autoxestionada polas socias. O colectivo reclama que a Administración galega teña en conta "as particularidades das hortas urbanas e rurais".

O Real Decreto aprobado após a declaración do estado de alarma o 14 de marzo non incluía nas excepcións aos límites da mobilidade e o desprazamento aos cultivos domésticos.

"Nós entendemos que si se permitía abandonar a casa para procurar alimentos, e iso é o que fas na túa horta", razoa Andrés Santos, "percibíamos que estabamos nun limbo". Porén, engade, após a aprobación da norma da Xunta tiveron que deixar a horta comunitaria desatendida. 

Soberanía alimentaria

Olga Otero, veciña dunha parroquia de Chantada e integrante do Sindicato Labrego Galego, explica que numerosas habitantes da vila contan con hortas e animais nas súas aldeas de orixe. "Bastante máis lonxe de cincocentos metros, algunhas a sete  ou máis quilómetros", apunta.

Ela pode seguir coidando do seu cultivo, que se atopa preto do seu fogar. Unha actividade necesaria para complementar os ingresos da súa pensión. "Somos varias as veciñas que temos hortas de autoconsumo, e logo sempre repartes o excedente con xente coñecida", conta. Otero reivindica o valor desas pequenas producións. "Ten que quedar algo dese tecido ou volverse crear, sería tremendo e moi triste que se desfixera", di.

Semella que a comida nace nos supermercados, di Andrés Santos

"Semella que a comida nace nos supermercados", ironiza Andrés Santos, quen salienta que o autoconsumo "é unha necesidade, ademais do saudábel que supón saber como foi tratado o teu alimento.

"Nós queremos que haxa moitas máis familias que empreguen as súas terras para producir alimentos, é o camiño cara a soberanía alimentaria e contribúe a fortalecer as economías  e os produtores locais", aseguran as integrantes de Salvemos a comarca de Ordes.

Queremos que haxa moitas máis familias que empreguen as súas terras para producir alimentos, afirman Salvemos a comarca de Ordes

Este colectivo tratou de poñer en marcha un observatorio de multas ao agro. "A medida pareceunos especialmente lesiva e queremos estudar as multas que se impoñen por botar as patacas, cortar leña nun souto familiar ou ir á horta", explican. As veciñas que o integran reivindican que se permitan os desprazamentos ás hortas de autoconsumo: "Cumprindo, claro, coas medidas de seguridade".