As crianzas poderán comezar a saír á rúa co novo estado de alarma

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que volverá pedir ao Congreso unha nova prórroga do estado de alarma, a terceira, que se prolongará até o 9 de maio, pero aliviará o confinamento das crianzas a partir do 27 de abril.
 
Pedro Sánchez
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press)

"Após consultar con especialistas en psicoloxía infantil e pediatría, as expertas consideran que é posíbel aliviar o confinamento das nenas e nenos a partir do 27 de abril", afirmou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez nunha comparecencia en Moncloa este sábado, 18 de abril.

O presidente do Goberno explicou que o novo estado de alarma que solicitará ao Congreso, e que se estenderá até o vindeiro 9 de maio, non será igual e se irá levantando por fases.

"Co sacrificio de todos logramos conter a propagación do virus", subliñou Sánchez, quen insistiu en que "os logros obtidos aínda son insuficientes e fráxiles" para levantar o confinamento de forma absoluta para toda a poboación.

Pese a ter afirmado que o coronavirus “non entende de territorios” cando o Bloque Nacionalista Galego, o president do Govern de Catalunya (Junts) ou o do Executivo de Murcia (PP) pediron a Sánchez que fechase Madrid para evitar a expansión da COVID-19, este sábado o presidente do Goberno español afirmou que a desescalada “non ten por que ser homoxénea en todo o Estado, nin por comunidades autónomas nin por provincias e que se ven retrocesos nalgunhas zonas reaccionarase en termos negativos, pero tamén positivos".

Neste sentido, explicou que haberá distintas respostas dependendo das características de cada territorio:

"A desescalada non ten por que ser homoxénea. As realidades son distintas", indicou en rolda de prensa en Moncloa. "Se vemos que a pandemia está controlada nun territorio podemos ir máis rápido", subliñou.

Comentarios