Descobren unha ara romana en Aranga que está "no corazón dun 'macroparque' eólico"

A casa en que foi achada a Ara romana (Foto: Asociación Aire Limpo Mariñas-Mandeo).
A descoberta foi feita por unha antiga propietaria da casa.

Só fixo falta rozar o interior dunha casa abandonada no concello de Aranga (comarca das Mariñas) para descubrir unha ara romana en moi bo estado de conservación da dedicada ao deus Xúpiter que non se encontraba nin sequera soterrada. "Polo de agora non a viñeron recoller, deron permiso para depositala pero ninguén desde Patrimonio veu levantar acta. Recomendáronnos que sen a acta por escrito non se mova de alí", sinalan desde a asociación Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo.

Trátase dunha pedra cuxa primeira datación mostra que pode ser de entre os séculos II e o IV que podería servir como altar descuberto por unha antiga propietaria da casa a cuxa análise, que permitirá coñecer entre outras cuestións a súa antigüidade exacta, procedeu o colectivo A Rula desde o propio lugar.

Unha vez feito este descubrimento, Aire Limpo Mariñas-Mandeo alertou de que dita ara se encontra “no corazón do macropolígono eólico do Monte do Gato”, xa que, segundo indican, “queren rodear a ara con 26 aeroxeradores de 200 metros, tres subestacións e as conseguintes liñas de alta tensión que unen todo este macroentramado eléctrico”.

A veciñanza e os representantes da asociación pregúntase “que máis ten que pasar para que desde a Xunta se considere que esta é unha zona dun valor arqueolóxico especial, que xa viñan resaltando coa Necrópole do Monte do Gato, os castros, as torres de vixilancia, o Castelo de Teodomiro e agora con este novo achado”.

“Ao achado da ara romana hai que sumar outro novo na outra vertente do monte, que foi comunicado tamén a Patrimonio nestes últimos meses, trátase de varias bocas de minas de auga con túneles de centos de metros de profundidade que segundo a tradición oral da veciñanza do lugar da Cuada (Oza- cesuras) dise que mesmo hubo extracción de minerais”, acrecentan desde a Asociación.Todo isto localizado, aseguran, “na beira da subestación da poligonal do Parque eólico de Seselle”.

Reclamacións

Por estes motivos, desde a Asociación, consideran que é “urxente a actuación de oficio de Patrimonio cautelando toda esta zona e máis aínda, cando desde Medio Ambiente acaban de emitir uns informes ambientais favorábeis nos cales podría basearse a Consellaría de Industria para dar o permiso a estes parques eólicos”.