Denuncian o Sergas ante Inspección de Traballo pola "sobrecarga asistencial" en Pontevedra e O Salnés

Hospital de Montecelo, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Os facultativos consideran patente que os riscos laborais que padecen "teñen a súa orixe na ausencia ou, no mellor dos casos, nunha moi deficiente previsión organizativa que provoca unha infradotación de recursos humanos e materiais para facer fronte á demanda asistencial actual, a pesar de ser coñecida na súa orixe e evolución".

A Organización Sindical de Médicos da Galiza (O'Mega) presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) polo que considera unha "desprotección absoluta" fronte aos "riscos psicosociais" dos facultativos que traballan en centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) e de urxencias hospitalarias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Na denuncia, presentada despois de varias protestas veciñais acerca do deficiente funcionamento da Atención Primaria na área sanitaria, as e os médicos sinalan que o exceso de demanda non atendida no primeiro nivel asistencial "trasládase aos servizos de urxencias hospitalarias, levándoos a unha situación próxima ao colapso", mentres que os facultativos padecen unha "sobrecarga laboral inasumíbel".

A situación "agrávase polo bloqueo de camas para o ingreso dos pacientes en planta, até a súa habilitación in extremis".

Os facultativos consideran patente que os riscos laborais que padecen "teñen a súa orixe na ausencia ou, no mellor dos casos, nunha moi deficiente previsión organizativa que provoca unha infradotación de recursos humanos e materiais para facer fronte á demanda asistencial actual, a pesar de ser coñecida na súa orixe e evolución".

Situación nos PAC

Como exemplo desta situación, a denuncia recolle que, con frecuencia, os facultativos acoden aos PAC "descoñecendo se van estar sós no centro, asumindo tamén as urxencias do resto dos seus compañeiros, o número e o estado dos pacientes que xa están a esperar da quenda anterior en salas cheas de usuarios moi molestos pola espera".

Todo iso provoca que os profesionais sanitarios "sufran unha sobrecarga laboral inasumíbel que provoca a realización de sobreesforzos físicos e psíquicos extraordinarios de forma sostida ao longo do tempo, o que xera altos niveis de estrés, a deterioración das relacións sociais e persoais debido á imposibilidade de conciliar a vida persoal e a laboral e a afectación da saúde física e psíquica do persoal médico, o que deriva nun alto número de baixas laborais".

O sindicato denuncia "a inexistencia dunha planificación preventiva para atallar os riscos de orixe psicosocial" e pon de manifesto "a omisión da administración de dar debido cumprimento á obrigación de velar pola seguridade do colectivo médico".

Resposta do Sergas

Pola súa parte, o Sergas argumentou que o orzamento da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en materia de persoal creceu en 2022 en 129 prazas novas, con máis de 4 millóns de euros, especialmente no reforzo dos cadros de persoal en Atención Primaria.

Segundo traslada a Europa Press a xerencia da área sanitaria fíxose un plan de apoio emocional cunha unidade de psiquiatría de referencia. Ademais, indica que se están facendo actuacións en materia de formación.

Concretamente, afirma que en Pontevedra houbo unha actuación de equipo en UCI da man do servizo central de prevención de riscos.

O Sergas subliña que conta con unidades de prevención de riscos laborais en todas as áreas que están dedicadas á avaliación dos riscos de persoal e precisamente Pontevedra conta con tres técnicos, un médico e unha enfermeira. "O coidado da saúde dos nosos traballadores e traballadoras é nosa principal preocupación", conclúe.