Social

Denuncian verteduras da fábrica de Ence que causan "cheiros" e "dificultade para respirar"

Ence en Pontevedra (arquivo).
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra reclama á empresa información sobre os datos de contaminantes emitidos desde o pasado 28 de abril e solicita que as Administracións investiguen a celulosa de Lourizán. 

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) exixe á celulosa Ence unha "explicación convincente" que xustifique unhas presuntas verteduras na ría ao longo dos días 28, 29 e 30 de abril e até hoxe. 

O colectivo manifesta que recibiu "multitude de chamadas" desde diferentes zonas da cidade e, principalmente, desde a parroquia de Lourizán, que denunciaban "cheiros nauseabundos" e mesmo nalgún caso, "dificultades para respirar". Unha situación que, segundo explican nun comunicado, "sen dúbida tiña a súa orixe na fábrica de Ence en Lourizán".

Reclaman que a fábrica achegue "os datos de concentración dos distintos contaminantes emitidos á atmosfera e ás augas da ría" nestes días e que "por parte das autoridades locais, provinciais e autonómicas se abran os correspondentes expedientes de investigación" para tomar "as medidas oportunas para sancionar un posíbel comportamento neglixente".

"A fábrica de Ence, que presume da súa responsabilidade social e pregoa día si día tamén as súas 'bondades medio ambientais' aos catro ventos (entre outras a de ter logrado practicamente o 'nivel cero de emisións olorosas'), actúa cun absoluto desprezo pola cidadanía e pola lei cando xorde calquer problema no seu proceso industrial, aínda que este poida provocar un dano na saúde das persoas ou no medio", asegura o presidente da APDR, Antón Masa, nun comunicado. 

O colectivo di "descoñecer a magnitude do problema" nesta ocasión na fábrica de Ence, mais apóianse nas experiencias previas para preguntarse, "con toda a cautela do mundo", se "terá algo que ver o máis que posíbel mal funcionamento nas instalacións da fábrica de Lourizán coa presenza de peixes mortos nas augas da ría, unha mortaldade que nos veñen de comunicar hai uns momentos?".

Desde a  Asociación Pola Defensa da Ría manteñen a loita polo saneamento e recuperación da ría de Pontevedra e a calidade de vida e a saúde das persoas a pesar do confinamento. Uns obxectivos que, din, son "incompatíbeis coa permanencia da fábrica de Ence en Lourizán".