Antón Masa

“A loita contra Ence-Elnosa é unha loita moi dura pois eles xogan coas cartas marcadas”

O Teatro Principal acolle este sábado os actos polo 30 aniversario da Asociación pola Defensa da Ría. Falamos con Antón Masa, un dos fundadores e presidente da APDR. “Conseguimos cambiar a conciencia da xente sobre o medio ambiente”, afirma.

En 1988 legalizábase a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR). Van alá 30 anos, 3 décadas marcadas por diferentes loitas, sempre co eixo ambiental e social como protagonistas, e na que a mantida contra o complexo Ence-Elnosa é todo un referente. O Teatro Principal acolle este sábado os actos polo 30 aniversario

 

- Trinta anos dise rápido mais xa son uns aniños…

Nacemos como resposta a un Plan xeral de ordenamento urbano en Pontevedra que pretendía levar adiante o goberno local daquela (en mans do que actualmente é Partido Popular) e que prevía una serie de actuacións no río e na ría que nós entediamos prexudiciais.

 

- Ese foi a orixe concreta, en 1988.

Hai que remarcar que a loita contra Ence, co paso do tempo, adquiriu un papel fundamental na vida da APDR. Boa parte da nosa actividade céntrase na loita contra o complexo Ence-Elnosa e contra a política forestal que este complexo implica, a eucaliptización do país. Destacar algo destes anos? A condena por delito ecolóxico conseguida contra Ence-Elnosa en 2002; o noso traballo no tema do Prestige’, tanto no que foi a denuncia da situación como na organización de voluntariado para a limpeza en praias e costas. A destacar tamén o premio Cidade de Pontevedra que nos concederon.

 

- Que importancia tivo a creación da APDR? Axudou socializar os conflitos ambientais?

Creo que a aparición da asociación tivo una importancia capital. Con anterioridade ao nacemento da APDR os movementos que había contra Ence-Elnosa eran puntuais, de resposta a un escape, por exemplo, e duraban o que duraba o incidente. O feito de conseguir crear una asociación estábel, que ten agora 600 socios e socias, creo que xa é importante de por si. Creo que conseguimos modificar a conciencia das persoas en relación ao tema ambiental. Antes era unha parte moi pequena da poboación quen tiña un sentimento ambiental, que vía importante na zona loitar pola defensa do medio ambiental. Co paso de todos estes anos eu creo que se conseguiu mudar iso e somos unha ampla maioría quen estamos concienciados por estas cuestións e que asumimos que o futuro de Pontevedra pasa tamén por elas.

 

- Cres que socialmente hai un recoñecemento do que fixo e do que supón a plataforma

Creo que si. O que pasa é que actualmente estamos nunha época na que hai tantas frontes abertas que a xente acaba resignándose. As loitas ambientais, e en concreto a loita contra o complexo Ence-Elnosa é unha loita moi dura pois eles xogan coas cartas marcadas. Porque cando incumpren a lexislación o que se fai é modificar a lexislación no seu favor para que poidan seguir como sempre: adáptase a lei ás condicións de Ence-Elnosa. E cando non se modifica a lei, concédenselle prórrogas, totalmente arbitrarias.

A xente sabe o valor da loita por defender a ría mais non sempre sente a necesidade de mobilizarse. Moitas persoas pensan “ben, mobilizámonos mais mañá estamos igual”. Eses son problemas: a lexislación e o cansancio. O propio feito de que pasasen 30 anos desde o noso nacemento indica que hai un apoio social. A xente máis nova ten outra forma de mobilizarse, funcionan doutra maneira, cun gran peso das redes sociais, mais tamén se implican se ben máis puntualmente.

Somos a única organización en Pontevedra, canda outras que nos apoian, de sacar miles de persoas á rúa. E iso non é facil. Como non o é manter a marcha contra as celulosas, que se fai todos os anos, cunha afluencia de 2.500 u 3.000 persoas.