Milleiros de persoas maniféstanse contra Ence en Pontevedra

Imaxe da manifestación contra Ence deste 16 de xuño entre Pontevedra e Marín. Foto: Galiza Contrainfo.

A mobilización social contra Ence non cesa. Este domingo, 16 de xuño, milleiros de persoas volveron camiñar entre Pontevedra e Marín para reclamar o traslado da factoría de Lourizán fóra da ría. Máis de 10.000 manifestantes, convocadas pola Asociación pola Defensa da Ría, camiñaron detrás da pancarta Pola anulación da prórroga de Ence. Polo saneamento da integral da ría.

A batalla contra a Celulosa de Marín é unha das máis antigas do ambientalismo galego. Nestes intres, a APDR esixe a “anulación definitiva da prórroga de Ence”, que a empresa abandone Lourizán e que, tal e como di a lei, “devolva a zona ocupada á situación anterior á súa chegada”. Que foi, en pleno franquismo, en 1958.

A marcha de protesta estendeuse máis de tres quilómetros até as portas mesmas de Ence. “A ría é nosa / e non da Celulosa” ou “Ence, PP / a mesma merda é” foron algunhas das consignas máis secundadas polas asistentes. Entre elas, o alcade de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado de En Marea Antón Sánchez, a do PSOE Patricia Vilán ou a portavoz do Bloque en Europa Ana Miranda.

O presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, afirmou que a deste domingo será “a última marcha contra a Celulosa con actividade en Ence”. Masa lembrou que en 2018 augurou que a de 2019 será a primeira sen Elnosa “e así é”. “A prórroga do Goberno en funcións de Raxoi a Ence non só foi irregular senón ilegal. A Dirección Xeral de Costas do Estado recoñéceo”, engadiu. 

O activista explicou que ningunha instalación pode permanecer en dominio público máis de 75 e que, de se admitir a prórroga mencionada, serían 130 anos os que Ence estaría na ría de Pontevedra.

O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que acaba de revalidar o posto por sexta vez consecutiva, asegurou que o Concello empregará “todos os mecanismos posíbeis para conseguir o obxectivo final, trasladar Ence e recuperar a ría”. Antón Sánchez, de En Marea, acusou ao PP de “estar ao servizo de Ence” e que a situación a respecto da Celulosa é exemplo “das políticas corruptas” do partido de Feixoo.

 

Nota: imaxes da manifestación. Fotos: Adega.