Tentou impedir a lectura do manifesto

Antón Masa: “Presentamos dúas denuncias contra Ence por boicotear o dereito de manifestación”

Marcha contra celulosas 2019 [Imaxe: APDR]

A Asociación Pola Defensa da Ría presentou dúas denuncias contra Ence nos xulgados de Pontevedra debido o intento da empresa contaminante de boicotear a marcha contra celulosas celebrada o pasado 16 de xuño. O presidente da APDR, Antón Masa, en declaracións a Sermos Galiza afirma que tal actuación puido ser constitutiva de delito e lamenta que a empresa manipulase o himno galego para tentar impedir coa súa sintonía a lectura do manifesto.

Os xulgados de Pontevedra acolleron un acto da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) no que se realizou a apresentación de dúas denuncias contra a empresa Ence polos feitos acontecidos o pasado 16 de xuño no marco da anual marcha contra celulosas.

Cando a mobilización chegou perante as portas do complexo contaminante e ía comezar a lectura do manifesto a empresa pinchou gravacións a altos decibelios (consistentes en consignas en prol da “sustentabilidade” do xigante contaminante e na melodía do himno galego) a través de megafonías orientadas cara ás persoas manifestantes, co obxectivo de que o manifesto non se puidese escoitar.

Masa considera que o intento da empresa contaminante de boicotear a marcha contra celulosas pode ser constitutiva de delito

Antón Masa, presidente da APDR, quen aquel día tamén era o encargado de dar lectura ao manifesto, foi a persoa que esta terza feira formalizou a denuncia. Masa considera que o intento da empresa contaminante de boicotear a marcha contra celulosas pode ser constitutiva de delito e lamenta profundamente que a empresa se atrevese a chegar ao extremo de manipular o simbolismo do himno galego para lanzalo como mordaza contra a poboación.

Unha das denuncias apresentouse no Xulgado de Instrución de Garda e a outra ante Fiscalía. “Nelas denunciamos que con esa actuación se lesionou de forma grave o dereito de manifestación e entendemos que isto pode ser precisamente un delito contemplado no artigo 514.4 do Código Penal”, afirma Masa en declaracións a Sermos Galiza.

Nestas denuncias solicitan ao xulgado que proceda admitir a denuncia, incoar as dilixencias e iniciar unha instrución penal.

“Achegamos tamén probas formadas por gravacións de vídeo e audio onde se amosa o comportamento da empresa”, sinala Masa

“Achegamos tamén probas formadas por gravacións de vídeo e audio onde se amosa o comportamento da empresa”, sinala Masa, quen apunta que tamén solicitaron á Fiscalía a apertura de dilixencias informativas de cara a poder percorrer a vía penal.

A denuncia vai dirixida ao conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenero, porque segundo Masa apunta “é a persoa que debe buscar quen é responsábel dos feitos”.

Ano a ano a loita continúa

Máis de 10.000 persoas volvéronse manifestar o pasado 16 de xuño contra a presenza do complexo contaminante na ría de Pontevedra. Desde as alamedas de Marín e Pontevedra até a porta de Ence en Lourizán déronse cita veciñas e veciños de todas as idades das localidades desta rica ría afectada pola presenza do xigante contaminante.

Este ano atopáronse con esa resposta por parte da empresa, mais tamén o presidente da APDR sinala que a actitude das persoas que desde o interior de Ence “sempre nos están a gravar”, foi este ano moito máis “chulesca”, mofándose de nós.

Para Antón Masa a manobra responde á situación “desesperada” que está pasando Ence

Para Antón Masa a manobra responde á situación “desesperada” que está pasando Ence, “xa que son sabedores de que teñen que marchar porque a licenza caducou o ano pasado” e a prórroga outorgada por Mariano Raxoi cando estaba como presidente en funcións do goberno do Estado español será seguramente declarada como ilegal", razoa Masa.