Marcha contra celulosas

APDR estuda denunciar Ence por boicotear a marcha contra Celulosas

Marcha contra celulosas 2019

Ence vulnerou o dereito de manifestación na marcha contra Celulosas do pasado domingo 16 de xuño tentando boicotear a lectura do manifesto lanzando por megafonía mensaxes a prol da empresa e facendo soar o himno galego. Así o denuncia Antón Masa en nome da Asociación  pola Defensa da Ría (APDR) e avanza que están a estudar a posibilidade de interpor unha denuncia xudicial a Ence.

A marcha contra celulosas reuniu máis de 10.000 persoas que se manifestaron o pasado domingo 16 de xuño esixindo a desaparición do complexo contaminante Ence da ría de Pontevedra ao berro de “a ría é nosa e non de Celulosas”.

A anual manifestación partiu desde as alamedas de Marín e Pontevedra até a porta de Ence en Lourizán. Unha vez a mobilización chegou ante o recinto da empresa o presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa, comezou a lectura do manifesto no que se esixiu a marcha do complexo contaminante do seu actual enclave e a recuperación da ría de Pontevedra. Mais desta vez a empresa decidiu interromper cotinuamente o remate da manifestación coa intención de que o publico non escoitase o manifesto, lanzando mensaxes a un alto volume desde múltiples dispositivos de megafonía orientados cara ás e os manifestantes.

"É unha falta de respecto para a cidadanía ”, denuncia Antón Masa

Os audios pinchados pola empresa contiñan unha base do himno galego sobre a que se superpuñan mensaxes locutadas dirixidas ás persoas asistentes á mobilización, emprazándoas a non deixarse enganar “coas mentiras” da APDR, “Ence non contamina, mirade os datos na nosa web”, así como “somos a empresa máis respectuosa co medio ambiente”.

"É unha falta de respecto para a cidadanía ”, denuncia Antón Masa, quen lamenta que a empresa utilizase o himno galego, símbolo de todas e todos nós, para boicotear a manifestación, e esgrime que a empresa por medio da megafonía non cesou de “vomitar as súas bondades de maneira repetitiva, tratando de impedir escoitar o noso manifesto”.

Masa lamenta que a empresa utilizase o himno galego, símbolo de todas e todos nós, para boicotear a manifestación

O presidente da APDR afirma que desde a entidade están a estudar a presentación dunha denuncia nos tribunais dado que a empresa interrumpeu un dereito cidadán tan fundamental como é o de manifestación e a liberdade de expresión.

“Estas actitudes vólvense contra a propia Ence na cidadanía de Pontevedra” afirma Masa, quen aproveita para denunciar unha vez máis as prácticas mafiosas da empresa como as acontecidas no transcurso de varios plenos municipais en Poio e Pontevedra que desde o círculo de Ence interrumpiron de malas maneiras contra a posición cidadá e política expresada a prol da recuperación da ría de Pontevedra e a marcha do complexo contaminante.

Masa recorda que hai uns anos Ence organizara unha treta semellante

Masa recorda que hai uns anos Ence organizara unha treta semellante, pois cando a manifestación chegara diante da empresa, atopáranse tamén unha alta sintonía por megafonía con motivo dunha contra mobilización que organizara a empresa, con motivo dun denominado día do traballador de Ence. De todas formas, daquela vez non houbera maior problema, “pararon de facer ruído en canto chegamos”, lembra Masa.

A maiores, o presidente da APDR sinala que a actitude das persoas que desde o interior de Ence “sempre nos están a gravar”, foi este ano moito máis “chulesca”, mofándose de nós.

Para Antón Masa a manobra responde á situación “desesperada” que está pasando Ence, “xa que son sabedores de que teñen que marchar porque a licenza caducou o ano pasado” e a prórroga outorgada por Mariano Raxoi cando estaba como presidente en funcións do goberno do Estado español será seguramente declarada como ilegal, razoa Masa.