Denuncian a totalidade do Consello da Xunta por prevaricación

Proxección da 'Factoría do Deporte - Galicia Sports 360' que o Celta quere erguer nos montes de Tameiga. (Foto: RC Celta)

Ecoloxistas en Acción presentou denuncia na sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao considerar que o Consello da Xunta cometeu un delito de prevaricación ao declarar de interese autonómico o proxecto GS360 do presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño.

Ecoloxistas en Acción presentou denuncia na sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao considerar que o Consello da Xunta cometeu un delito de prevaricación ao declarar de interese autonómico o proxecto GS360 do presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño. do presidente do Celta de Vigo, Carlos Mouriño.

Ecoloxistas en Acción denuncia o historial de irregularidades na actuación da entidade “Real Club Celta de Vigo, S.A.D”, e do Goberno local do concello de Mos, en relación ás obras das instalacións deportivas para a cidade deportiva do Celta. “Obras executadas en terreos forestais de especial protección en Mos”, denuncian.

Unhas instalacións que agora a Xunta da Galiza “pretende legalizar coa tramitación do Proxecto de Interese Autonómico denominado 'Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360'”.

En 2018, o Goberno do concello de Mos outorgou licenza municipal de obras ao Celta de Vigo para a construción dun campo de fútbol para instalacións deportivas en monte comunal. De igual maneira, en 2019, outorgou licenza para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares. Deste modo licenciáronse unhas obras en solo rústico forestal de especial protección para a construción dun equipamento deportivo privado, en ausencia da tramitación previa dun Plan Especial de Dotación e Infraestrutura, indican desde Ecoloxistas en Acción.

Todas estas “actuacións irregulares”, outorgamento de licenzas, xurisdiccionalmente anuladas, e execución de obras, non axustadas á licenza, pretendían legalizarse a través dunha Modificación Puntual do PXOM de Mos.

“Esta modificación urbanística, que máis que perseguir o interese público perseguía satisfacer o interese dunha entidade privada, non foi adiante polos informes desfavorábeis dos órganos sectoriais competentes”, acrecentan.

Incluso un informe do Xefe do Servizo de Urbanismo do Concello de Mos reflectía que as obras executadas pola entidade deportiva nin sequera se axustaron aos proxectos licenciados, senón que excederon con moito o permitido polas licenzas. “Isto supón unha concesión de licenzas sabéndose contrarias á lei, e así o ditaminou a Xustiza, xa que ditas licenzas foron anuladas por Sentenza do Xulgado do Contencioso- administrativo nº3 de Pontevedra. Sentenza firme, xa que foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en marzo de 2023, tras resolver o recurso de casación interposto polo concello de Mos”, acrecentan desde a asociación ecoloxista.

“Co fin de sortear a tramitación e de favorecer o inicio prematuro das obras, concedéronse dúas licenzas nun intento de minimizar o alcance das obras mediante un fraccionamento do proxecto por fases: primeiro autorízase o campo de fútbol dobre e o aparcamento, e despois autorízanse os vestiarios e o resto de instalacións. Isto é claramente ilegal” aseguran desde Ecoloxistas en Acción.

"Inxustificábel"

Pese á “ilegalidade manifesta do construído”, ningún dos organismos con competencias en materia de protección da legalidade urbanística no solo rústico, tanto o concello de Mos como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta da Galiza, “adoptaron medida algunha, a pesar de que a adopción de tales medidas resultaban obrigadas por lei”. Esta inacción, recalcan, desde Ecoloxistas en Acción, resulta inxustificábel, "é un total abandono do exercicio de potestades de disciplina urbanística ante obras executadas en terreos sometidos a un réxime de especial protección".

Ademais, para a organización ecoloxista “resulta claro” que neste proxecto non concorre ningún interese estratéxico ou vertebrador de carácter galego necesario para a declaración de Proxecto de Interese Autonómico, senón que o único que se persegue é satisfacer exclusivamente o interese dunha entidade privada.

"Forte impacto"

Ademais, Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto GS360 do presidente do Celta ten un “forte impacto ecolóxico, xa que afecta terreos de monte veciñal e comporta unha evidente afección aos recursos hidrolóxicos da zona dadas as necesidades de auga para as instalacións hostaleiras, comerciais e deportivas do proxecto. Para a organización ecoloxista debería prevalecer en todo caso o uso correspondente co abastecemento dos núcleos da zona”.