Xustiza

Ecoloxistas denuncian a Xunta polo proxecto do Celta en Mos: prevaricou o Goberno ao declaralo "de interese autonómico"?

Reunión do Consello da Xunta presidida por Alfonso Rueda. (Foto: Arxina)
Ecoloxistas en Acción vén de denunciar ante o TSXG a totalidade do Consello da Xunta por "prevaricación administrativa" ao declarar de "interese autonómico" o 'macroproxecto' do Real Club Celta nos montes de Tameiga, en Mos.

A ambiciosa cidade deportiva que o Real Club Celta xa comezou a construír nos montes comunais de Tameiga, en Mos (comarca de Vigo), avanza a pasos axigantados nos despachos da man do Goberno galego, mentres dos tribunais emanan numerosos atrancos. Malia ratificar en abril deste ano o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a "ilegalidade" das obras acometidas e obrigar o Concello de Mos a revisar as licenzas outorgadas ao Celta, o 20 de xullo o Consello da Xunta aprobou o plan inicial do proxecto de interese autonómico (PIA) para a denominada Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, o 'todo' que abranguería as instalacións da xa operativa —parcialmente Cidade Deportiva Afouteza. Unha de cal e outra de area que impiden albiscar con certeza o decurso dos acontecementos.

O PIA recibiu máis de 4.000 alegacións de colectivos veciñais, ecoloxistas e políticos e esta segunda feira quedou en mans do TSXG por medio dunha denuncia interposta por Ecoloxistas en Acción por un suposto delito de prevaricación administrativa. Entende a parte demandante, que despregou diante das instalacións de 'Afouteza' dúas faixas nas que se podía ler 'A Xustiza declarou ilegal esta construción' e 'Stop Impunidade', que o Executivo de Alfonso Rueda —tanto o presidente como o resto de conselleiros e conselleiras que deron o 'si' á proposta— "pretende eludir os informes desfavorábeis emitidos por diversos organismos públicos" e abrir a porta á expropiación dos terreos se for preciso, tal e como permite facer o regulamento actual da figura de "interese autonómico".

Acción reivindicativa de Ecoloxistas en Acción diante da Cidade Deportiva Afouteza.

Interese autonómico ou privado?

Unha designación que desde Ecoloxistas cuestionan ao entender que "non concorre ningún interese estratéxico ou vertebrador de carácter autonómico" no 'macroproxecto' impulsado por Carlos Mouriño e que, pola contra, "busca satisfacer exclusivamente o interese dunha entidade privada". Ecoloxistas lembra que o proxecto conta cun "historial de irregularidades" que considera suficiente para botalo abaixo.

E nesa mesma liña apuntaba un xulgado de primeira instancia de Pontevedra xa en 2021, cando decretou que se trataba dun "equipamento deportivo privado" que non podería erguerse nun solo rústico de especial protección no que só caberían "uns pequenos vestiarios e almacéns", nunha sentenza ratificada en 2022 e 2023 polo TSXG e que xa coñecían en San Caetano cando se iniciou a tramitación do expediente de "interese autonómico" para Galicia Sports 360. "Pese á ilegalidade manifesta do construído, non se adoptou medida ningunha", lamenta a entidade.

O propio presidente do Celta tense gabado en anteriores ocasións de que esta etiqueta permitiría que todos os permisos "dependan da Xunta" e que, no caso de aprobalo o Consello de Goberno, "sairá adiante sen problema". "Para nós é un día fantástico, marabilloso. Foron moitos meses de traballo pero hoxe culminaron con este recoñecemento a ese esforzo e ilusión e sobre a todo a ese compromiso que adquirimos para chegar á conclusión definitiva e poder terminar nun éxito para a cidade, a súa área metropolitana e toda Galiza", dicía Mouriño en novembro de 2022, após abrir a Xunta o citado expediente a prol da entidade que preside.

"Agora unha licenza, agora un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións —aprobado a posteriori polo Goberno local de Nidia Arévalo—, agora unha modificación puntual do PXOM, agora un proxecto de interese autonómico... Que será o próximo? O Partido Popular parece disposto ao que sexa con tal de favorecer un empresario amigo, sen importarlle sacrificar o monte comunal", censura Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.

Agora serán os maxistrados do TSXG os encargados de dilucidar se Alfonso Rueda e o seu Goberno prevaricaron en favor do Celta para, tal e como denuncian ecoloxistas, comuneiros e veciños "esquivar" a propia Xustiza e achaiar o terreo ao equipo con sede na rúa do Príncipe de Vigo ou se, pola contra, a declaración de "interese autonómico" é perfectamente válida e legal e Galicia Sports 360 pode seguir avanzando na súa construción.