Social

A Xunta "intervén" dúas residencias privadas en Vigo e Cangas polo "elevado" número de usuarias con COVID-19

Residencia de Barreiro, en Vigo (DomusVi).
Estes dous centros convertiranse en dúas residencias integradas, nas que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas, segundo confirma o Goberno galego. Entre as dúas suman 189 positivos por coronavirus.

A Xunta da Galiza vén de tomar a decisión de "intervir" os centros residenciais DomusVi Barreiro, no concello de Vigo, e DomusVi Cangas, tralo "elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro".

Estes dous centros convertiranse en dúas residencias integradas, nas que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas.

Pola súa banda, as persoas maiores que deron negativo nas probas, unha vez que este resultado sexa confirmado, serán trasladadas a outros centros en función das características de cada residente. Un deles será a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, que é da titularidade da Xunta e nestes momentos se atopa sen actividade.

Entre as dúas suman 189 positivos por coronavirus

Son as dúas primeiras residencias privadas que intervén o Goberno galego, en calidade de autoridade competente, unha decisión qao abeiro do apartado terceiro da orde do Ministerio de Sanidade SND/275/2020, do 23 de marzo.

En virtude do disposto nesa orde ministerial, a Xunta designará un empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen nestes centros.

A persoa designada polo Goberno galego disporá de todos os recursos materiais e humanos destes centros residenciais de Vigo e Cangas.