A defensa da terra contra a 'Burla Verde' xunta en Sabucedo numeroso público

Encontro Burla Verde pola defensa da terra en Sabucedo. (Foto: Nós Diario).
O encontro do asociacionismo e ecoloxismo galego viviu unha xornada de éxito en prol dunha transición enerxética real.

Malia que o tempo non acompañou o encontro Burla Verde, "contra a estafa da transición enerxética, a depredación dos nosos montes e ríos, pola defensa da terra e da vida" reuniu numeroso público en Sabucedo (A Estrada) nunha xornada festiva e reivindicativa pola defensa da paisaxe e a contorna natural.

Burla Verde foi un encontro contra a depredación enerxética da Galiza, mais tamén unha oportunidade para seguir a tecer redes entre colectivos e asociacións para gañar forza contra o espolio enerxético.

Loita e festexo

É o momento de pensar nunha transición enerxética que non maltrate a calidade e o medio de vida da xente que vivimos nas aldeas

A organización programou concertos, contadas, actividades dirixidas ás crianzas, unha ampla proposta gastronómica e unha mesa redonda que permitiu ás persoas asistentes escoitar a "sabedoría aldeá" de asociacións, plataformas e proxectos veciñais que abordaron as problemáticas da minaría, a cuestión forestal, a eólica mariña, os macroeólicos e a auga. 

Calidade de Vida

"O que nos xunta é a vontade de coidar, conservar e defender a terra do afán ecocida das eléctricas e das mineiras. A responsabilidade como pobo de conservar a vida fronte a especulación mafiosa das multinacionais da devastación", sinalou Iván Sanmartín, da Rapa das Bestas.

Para María Rivas, unha das organizadoras, a "necesidade" de encontrarse con outros colectivos do país que loitan contra as eivas da transición enerxética animounos a estender a todo o territorio unha cita que inicialmente pensaron máis reducida e local.

É fundamental que se nos escoite, a xente que vivimos nas aldeas mais tamén o pobo, porque comezan a cumprirse unha serie de prazos. "É o momento de pensar nunha transición enerxética que non maltrate a calidade e o medio de vida da xente que vivimos nas aldeas", a sabendas de que o problema tamén atinxe o territorio e o país no seu conxunto.