Defende Meirás censura a parálise do Estado na protección do pazo e o recoñecemento das vítimas

Colectivos de memoria histórica recibiron a ministra Calvo ás portas de Meirás.
Representantes de colectivos e entidades galegas de memoria histórica manifestáronse ás portas de Meirás para dirixirse á ministra Carmen Calvo no día en que reabren oficialmente os xardíns mais non o interior das torres.

"Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós nos movemos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran", reprochoulle Carlos Babío, portavoz de Defende Meirás, á ministra Carmen Calvo á súa chegada ao pazo.

A vicepresidenta primeira do Goberno inaugurou este sábado de forma oficial as visitas aos xardíns do inmóbel ademais de presidir un acto institucional para a coordinación temporal de actuacións entre o Goberno do Estado e damais institucións colaboradoras.

Nese contexto e no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar "a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos" para exixir a devolución de Meirás ao pobo, así como a creación no pazo dun centro de memoria das vítimas do franquismo na Galiza, Babío acusou o Estado de non dar solución ningunha ás demandas urxentes sobre a protección dos bens do Pazo nin ás demais demandas do movemento memorialista galego.

Tras os pasos dos colectivos de memoria

Segundo recoñece a iniciativa Defende Meirás nun comunicado, a ministra e vicepresidenta admitiu alí mesmo, antes do acto institucional, que o Goberno vai detrás das demandas das entidades memorialísticas do país e avanzou a Carlos Babío que se organizará unha homenaxe ás vítimas dentro de Meirás, "despois de tela impedido hai unha semana e deixando, de novo hoxe, ás vítimas fóra do Pazo".

De momento, recalcan, "non temos noticia de que se teña producido anuncio oficial ningún en relación ás demandas que desde o movemento memorialístico galego se lle veñen exixindo ás Administracións: ampliar a protección de todos os bens do Pazo diante do novo intento de rapina dos Franco, desenvolver un acto en memoria das vítimas do fascismo e da represión franquista en Meirás, converter o espazo de memoria histórica e participación das asociacións de memoria na xestión dese futuro espazo".

 No acto institucional deste sábado non participou ningunha asociación galega de memoria, que seguen a cuestionar "a vontade real do Goberno para cooperar co movemento" malia o ofrecemento "cooperación" expresado nos últimos días polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez.

Lei de amnistía

 A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, dirixiuse aos manifestantes para agradecerlles a súa "loita" e "impulso", que facilitou "todos os pasos dados". Porén, recoñeceu, “queda moito por facer”, aínda que “se fixo moito en pouco tempo”, engadiu.

Calvo sinalou que "aproveitando o impulso dado polas asociacións memorialistas", o Estado puido "ir aos tribunais para reclamar a volta do pazo ao patrimonio público galego e español". "Do que se trata aquí é de preservar a verdadeira memoria do que ocorreu e o que foi isto, a residencia de verán dun ditador, e niso temos que seguir traballando xuntos", interpelou aos manifestantes.

Ássúas palabras respondeu Manuel Monge, histórico representante do movemento memorialista e preso franquista, quen confirmou as ganas das vítimas do franquismo de "acabar con todo o que quede da ditadura", o que inclúe devolver o pazo de Meirás e a Casa Cornide, "pero tamén a lei de amnistía". Así, solicitoulle ao Executivo central a "derrogación da lei que impide que os crimes franquistas sen xulgados".

"É vergoñoso que teñamos que ir a Buenos Aires para que os criminais sexan xulgados", lamentou Monge. A vicepresidenta primeira recalcou que "queda moito por facer" pero pediulles aos manifestantes que "se paren e vexan o que se conseguiu en tres anos". "Contra todo prognóstico, conseguimos exhumar ao ditador do Va dos Caídos, un lugar de enaltecemento, e devolvemos Meirás ao patrimonio público", explicou Calvo.

Monge, pola súa banda, valorou "positivamente" o esforzo realizado polo Executivo socialista, pero indicou que as asociacións "seguirán loitando". Neste sentido, a vicepresidenta sinalou que a futura lei de Memoria Democrática"abrirá un debate moi interesante no que hai que saber por onde se move cada un, quen estarán a favor e quen en contra" e reiterou o seu agradecemento ao "esforzo calado" dos galegos e galegas.