domingo 25/07/21

A Casa Cornide, coa declaración BIC, xa está un paso máis perto da protección fronte aos Franco

Ao igual que aconteceu no pazo de Meirás, a familia do ditador intentou retirar bens deste inmoble que puxo á venda. Así o denunciaron diferentes colectivos sociais e cívicos da cidade da Coruña.
Xente ás portas da casa ubicada na Cidade Vella coruñesa. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #memoriaehistoria #franquismo #meirás #casacornide #franco #coruña
Xente ás portas da casa ubicada na Cidade Vella coruñesa. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Ao tempo que o Concello da Coruña segue unha ampla folla de ruta para "recuperar o edificio espoliado", o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleu na terza feira a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, hoxe en mans da familia do ditador Francisco Franco.

A publicación deste anuncio da resolución favorábel da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, implica un paso máis na demanda feita polo propio Goberno local coruñés, que ve a consideración BIC coma un avance na procura da devolución do inmoble á cidadanía.

A figura de protección aprobouse en maio pero estes trámites burocráticos veñen oficializar a mudanza no nivel de protección do inmoble situado na Cidade Vella coa intención de que os Franco non poidan chegar a vendelo como querían.

De feito, hai xa uns anos que os achegados do ditador puxeron esta propiedade á venda destacando cuestións como as 11 habitacións ou os 13 cuartos de baño dos que dispón a edificación. Aliás, houbo algunha reforma no tellado hai poucos anos.

En concreto, pasar a ser BIC -aínda que falte a resolución global do proceso, para a que hai un marxe de 24 meses- implica a aplicación das proteccións que recolle a Lei de Patrimonio Cultural da Galiza.

Aliás, cando a Xunta deu o paso, a rexedora da Coruña, Inés Rey, incidía en que un informe encargado á UDC demostra "que a permuta, subasta e poxa da casa a Carmen Polo foi ilegal". Así deféndese a titularidade pública da casa.

Esta nova dáse cando aínda se escoitan os ecos da protesta do pasado día 19 en Meirás, cando se loitou contra o posíbel espolio do patrimonio interior pois a Xustiza deu a razón aos Franco en que poden levar elementos como as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán. O mesmo terían feito, sen oposición, na Cornide.

comentarios