Sada abrirá o Pazo de Meirás ao público o primeiro de xullo

Vista do interior do predio de Meirás. (Foto: Europa Press).
As visitas guiadas, dunha hora e media de duración e 20 persoas como máximo, terán lugar de terza feira a domingo previa reserva.

A vindeira quinta feira, 1 de xullo, o Concello de Sada abrirá as portas do Pazo de Meirás para que a cidadanía poida pasear polos xardíns nunha visita guiada de aproximadamente hora e media de duración.

Coincidindo co acto institucional que escenifica a recuperación do imbóbel após o proceso xudicial contra os herdeiros do ditador Francisco Franco, Sada confirma a reapertura dos xardíns ao público xeral a partir da próxima semana.

A vicepresidenta primeira do Goberno do Estado, Carmen Calvo, preside este sábado acompañada polo secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o delegado do Goberno, José Miñones, e os rexedores de Sada e a Coruña, Benito Portela e Inés Rey, a sinatura do protocolo xeral de coordinación temporal das actuacións destas Administracións públicas sobre as Torres de Meirás.

A súa visita polos xardíns do pazo precederá as primeiras da semana que vén, reservadas de quinta feira a sábado aos colectivos e entidades galegas de memoria histórica coa colaboración da Asociación Irmáns Suárez Picallo.

Días de visita e horarios

Así, a partir do domingo día 4 o público xeral poderá acceder aos xardíns de Meirás previa reserva.

O horario provisional de cara ao verán é de terza feira a domingo. De terza a quinta, polas tardes, de 16 a 18 e de 18 a 20 horas. Sextas e sábados todo día, con 4 pases -de 10 a 12, de 12 a 14, de 16 a 18 e de 18 a 20 horas-, e os domingos só polas mañás, de 10 a 12 e de 12 a 14 horas.

Reservas

As visitas guidas realizaranse en grupos de 20 persoas como máximo. Cómpre reserva previa ben no correo electrónico reservaspazodemeiras@sada.gal ben a través dos teléfonos 981620075 (Ext 264) ou 638421054, onde confirmarán a data e a hora da visita.

Os grupos completos (excursións organizadas) deberán facer reservar a súa quenda obrigatoriamente por correo electrónico.

Percorrido polos xardíns

Durante a visita ofrecerase unha explicación xeral acerca da orixe e evolución do predio, con especial atención a dous momentos importantes: a época de Pardo Bazán coa construción das torres e a partir de 1938 como uso de residencia de verán de Franco.

Ademais a visita reparará nas fachadas principais das Torres, o hall, a capela, a granxa de Meirás e o resto do percorrido polos xardíns: a árbore senlleira coco de Chile, o bosque de bambús, o paseo dos magnolios, até chegar á casa de Xosefa Portela.

O percorrido acabará no monolito conmemorativo da visita dos Reis en 1927, para despois deixar uns minutos de visita libre aos asistentes.

Mobilidade reducida

Desde o Concello de Sada advirten da necesidade de cumprir coas medidas de prevención fronte á Covid-19, ademais de recomendar calzado cómodo. Avisan, tamén de que a ruta, polo menos durante as primeiras semanas, até o acondicionamento do edificio, non se recomenda a participación nas visitas de persoas con mobilidade reducida, ao estar previsto un percorrido por gran parte dos 93.000 metros cadrados dos xardíns do Pazo de Meirás.