Da burbulla do ladrillo á dos residuos

Imaxes captadas para Arcodega da planta de MV Xestión en Lugo (Imaxe: Arcodega).
Asociacións ambientais como Adega ou a colectivo de xestores de residuos, Arcodega, veñen denunciando a proliferación na Galiza de vertedoiros irregulares a raíz da incapacidade de Sogama para tratar os refugallos que recibe dos municipios galegos. Tamén asociacións veciñais manifestáronse contra proxectos de depósito de refugallos. A Xunta, pola súa banda nega a existencia de tales vertedoiros e fai referencia a "puntos de vertido incontrolados". 

Burbulla. É o termo que emprega Fins Eirexas, integrande da Executiva da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, para referirse á problemática da xestión de residuos no país. "Creada, ademais, coa complicidade das Administracións públicas", precisa en declaracións a Nós Diario.

O colectivo ecoloxista vén denunciando desde hai anos que a incapacidade da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, para tratar os residuos dos municipios galegos deu como resultado a proliferación de vertedoiros "en B".

A empresa pública, participada nun 49% pola multinacional enerxética Naturgy e nun 51% pola Xunta da Galiza conta cuns niveis moi baixos de reciclaxe de refugallos. Un 13% do total, "segundo as cifras optimistas", fronte 50% marcado pola Unión Europea para 2020. Eirexas sostén que, froito desta incapacidade de xestión que o Partido Popular desde o Goberno rexeita recoñecer, concedeuse permiso a empresas para cubrir "as fendas" do sistema.

"É contrario á filosofía da reciclaxe", advirte o deputado do BNG Luís Bará, "téndose detectado 'puntos negros' de xestión irregular de residuos". 
"As lamas das depuradoras, residuos da construción ou de industrias como a láctea ou a conserveira, ou os residuos da construción supoñen un problema. Até agora a solución foi agochalos baixo alfombras", denuncia Eirexas, empregando a metáfora para sinalar ás compañías que, baixo a promesa do tratamento e reciclaxe dos refugallos, se limitan a acumulalos.

"Existen dous perfís", afirma Eirexas, "as que contan cos medios e a tecnoloxía, pero que están saturadas, como Grixoa en Compostela ou Sobrado dos Monxes e as que se limitan a almacenar os residuos, pois carecen das instalacións necesarias".  

Negación da Xunta

A Xunta desmente ambas posibilidades. En xaneiro de 2019, durante a presentación do Plan de Inspección Ambiental da Galiza 2019-2021, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellaría de Medio Ambiente, Cruz Ferreira, asegurou que no país non existen "vertedoiros incontrolados", senón unicamente "puntos de vertido incontrolados". 

"Abrir un vertedoiro son palabras maiores", incidiu Ferreira, quen daquela destacou que se levan a cabo "moitísimas inspeccións", aínda que admitiu que algunhas empresas "traballan máis eficazmente, mentres outras teñen sancións". "Non podes abrir unha actividade para a que non tes permiso", asegurou a directora xeral, "é imposíbel abrir un vertedoiro sen dicir o que vas abrir".

Porén, un sector da propia patronal, a Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Construción e Demolición da Galiza, Arcodega, ten denunciado en ocasións vertedoiros presuntamente irregulares. 

A burbulla da construción

A burbulla do ladrillo é unha das contribuíntes á expansión da problemática da xestión dos refugallos. Arcodega denunciou  en 2016 perante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental varios depósitos que operaban. A asociación explica a Nós Diario que as compañías que os xestionan reciben máis residuos que os da construción e que se limitan a depositalos en ocos mineiros ou canteiras abandonadas.

Fronte a lexislación vixente, que decreta que os refugallos sexan destinados prioritariamente a "operación de reutilización, reciclado ou outras formas de valorización", limítanse a amorealos. "Baixo a escusa da rexeneración deses espazos reciben permisos de apertura", censura Arcodega.

Unha das empresas que denunciou o colectivo é MV Xestión no concello de Lugo, na parroquia de Santa María de Bóveda en Lugo. Ligada á Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo, recibiu unha autorización en 2005 para xestionar escombros procedentes das instalacións próximas a unha parcela do polígono do Ceao e a canteira do concello de Lugo. Posteriormente trasladou a súa actividade á localización actual.

Arcodega denuncia que no oco mineiro no que opera a empresa "se verten" todo tipo de residuos, non só de demolición", mais a compañía negou os feitos. "Temos autorizacións para a planta de xestión e hai unha autorización para un oco mineiro, non é un vertedoiro", afirmou o xerente, Eugenio Corral.

Outro dos puntos denunciados pola asociación atópase no municipio de Silleda. O vertedoiro de Campomarzo veu retirada a súa licenza pola Consellaría de Medio Ambiente, se ben Arcodega asegura que continuou coa súa actividade. O colectivo mantén que se acumularon descartes de todo tipo "sen o necesario sistema de illamento, depuración ou control de lixiviados".

As restantes empresas denunciadas por Arcodega son Armacón, que opera no municipio de San Sadurniño; Áridos do Carneiro, en Chantada, Escavacións J. Fernández, en Culleredo, e Contedores Norte e Sur, en Forcarei. En todos os casos a asociación censura a acumulación "incontrolada" de residuos en áreas próximas a cursos fluviais. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.