Un modelo que favorece Naturgy

Sogama S.A., vinte anos de residuos incinerados

Camión descargando lixo no vertedoiro de Sogama directamente
O 20 de xaneiro de 2000 inaugurouse a planta de Sogama en Cerceda. Esta data marcou o inicio dun modelo centralizado da xestión de residuos, cunha baixa porcentaxe de reciclaxe contraria aos obxectivos ambientais marcados pola Unión Europea.

Na Galiza, falar de xestión de residuos urbanos é falar de Sogama, a empresa mixta de xestión pública participada nun 51% pola Xunta e nun 49% pola multinacional enerxética Naturgy. O 20 de xaneiro de 2000 inaugurábase a súa planta de Cerceda; hoxe Sogama xestiona o lixo de 83% da poboación galega. Para conmemorar esta efeméride, as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana, desprazáronse onte a Cerceda. Alí gabaron a traxectoria da empresa, cuxa xestión en dúas décadas centrouse máis na xeración de electricidade que na reciclaxe de residuos.

A unión Sogama e Fenosa

O proxecto da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) trazouse en 1992, sendo Xosé Cuíña conselleiro de Política Territorial. O proxecto recibiu 72 millóns de euros do Fondo de Cohesión Europeo, destinado a substituír os centos de vertedoiros locais que salpicaban a xeografía galega por un modelo centralizado de xestión dos residuos sólidos urbanos. En 1997 o deputado do BNG, Guillerme Vázquez, facía referencia no Parlamento ao cuestionamento "desde as organizacións ecoloxistas" do plan, que proxectaba a incineración en Cerceda dos residuos procedentes de Concellos adscritos aos seus servizos.

"Na práctica", afirmaba Vázquez, "o plan equivale a dificultar a posta en marcha de proxectos alternativos baseados na reciclaxe dos residuos, posto que non figura entre os obxectivos do Executivo apoiar economicamente este tipo de solucións máis ecolóxicas". As nacionalistas propuxeron nunha moción unha alternativa á incineración, que foi rexeitada en pleno cos votos en contra do PP.

A polémica medrou cando entrou no taboleiro a compañía eléctrica Unión Fenosa, hoxe Naturgy, como socia da Xunta en Sogama. Daquela acordouse que a compañía distribuíse a enerxía xerada pola combustión de residuos da planta de Cerceda. O PSdeG acusou a Xunta de "impoñer" a Fenosa como "copartícipe desta empresa pública" sen un concurso público previo.

As críticas tamén abundaron cando as populares aprobaron a Lei de Residuos Sólidos Urbanos da Galiza. No debate na Cámara, as populares cualificaron de "imprescindíbel" a participación de Unión Fenosa en Sogama. Para a oposición, tanto a empresa de residuos como a normativa non eran máis ca un "negocio" para a eléctrica, cuxos intereses modelaron o actual sistema de xestión de residuos galego. Sete anos despois, inaugurábase a planta de Cerceda.

Do lume a unha tímida reciclaxe

O catedrático en enxeñería química, profesor na Universidade da Coruña e ex presidente de Adega, Manuel Soto, analiza o plan inicial de Sogama: "Ao comezo, obrigábase aos Concellos que se adherisen ao servizo a comprometer unha cantidade mínima de residuos que non podían reducir", explica a Nós Diario, "tanto esta medida, como a centralización dos residuos e a incineración dos mesmos amosan até que punto Sogama estaba lonxe dunha xestión de residuos respectuosa co medio".

Soto engade que, após as reservas iniciais dos municipios, moitos decidiron adherirse aos servizos de Sogama. Isto derivou na construción de plantas de transferencia polo territorio galego deseñadas para reconducir o lixo dos municipios. Nelas, 37 en total, trasládanse os refugallos desde os camións municipais de recollida do lixo a outros contedores aptos para o transporte a longa distancia.

 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.