Unha campaña veciñal chama a presentar alegacións a un novo proxecto para a canteira de Miramontes

Pancarta da plataforma de afectadas polo vertedoiro de Miramontes
A plataforma de persoas afectadas polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes (Grixoa) lanzou nas últimas horas unha campaña na que chama as veciñas e veciños, e a cidadanía en xeral, a presentar alegacións ao proxecto dunha nova planta de valorización de residuos de construción e demolición na zona. 

O prazo de alegacións ao proxecto conclúe o día 20. A plataforma alerta desta nova proposta, cando "aínda están ser resolver os procesos xudiciais pendentes" que pesan sobre o vertedoiro por posíbel delito contra o medio ambiente tras unha investigación da Fiscalía

"Legalmente, en materia de medio ambiente, todo o mundo é afectado, polo que non só os veciños e veciñas que padecen as molestias diarias poden presentar alegacións", lembra.

Sobre o novo proxecto, que segundo indica, se desenvolvería nas propias instalacións da antiga canteira, o colectivo advierte de que traerá máis tránsito de camións para unha vía non acondicionada para o tráfico pesado e provocará "aínda máis contaminación e inseguridade ao lado das casas".

"Sobre o papel véndeno como algo inocuo: a valorización de residuos de construción e de demolición. Tamén parecía ter pouco risco o proxecto inicial do vertedoiro e xa vemos en que se acabou convertendo: un foco de contaminación que xera terríbeis molestias aos veciños e veciñas de Miramontes e zonas próximas", subliña a plataforma.