O PP presenta ao PP a Estratexia Galega de Cambio Climático
No Edificio Cinc do Gaias, que para estas cousas campa moito e para algo ten que valer o complexo, o PP reuniu un cento de concelleiras e concelleiros do PP, unha ducia e media de directoras e directores xerais da Xunta e unha representación de deputadas e deputados para acompañar o presidente, Alberto Núñez Feixoo e as conselleiras de Medio Ambiente e Industria na presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aprobada polo Goberno da Xunta hai unhas semanas sen máis apoio que o do propio PP, que sempre apoia (faltaría máis) calquera cousa que propoña Feixoo.
Para vestir o acto, o PP convidou o mundo académico, ás tres universidades (acudiu un reitor, o de Vigo) e a unhas cantas empresas amigas da loita contra o cambio climático que propón a Xunta do PP, e Fernández-Couto, eterno xestor do monte galego, presente na sala na fila de directores executivos. Estaban as da casa (Sogama) e as do lado (Ence, por exemplo), así como representantes varias do mundo empresarial (Cegasal e a Confederación, claro). "A sociedade civil galega", como resumiu o presidente Feixoo nos agradecementos.
Mais que falar, Ramallo e Rodríguez, leron. A política, uns papeis; o académico, unha pantalla. O público, as esforzadas e esforzados concelleiros do rural que xa están afeitos a tragarse bobinas deste calibre, facían fotos e contestaban whatsapp. Por resumir: a alcaldesa emerxente leu que no pacto dos alcaldes polo clima hai anotados 9.860 concellos da UE que representan a 315 millóns de veciñas e veciños, e rematou pedindo á Xunta da Galiza que "non solte da man" aos concellos, que precisan "apoio económico, técnico e mesmo psicolóxico" para seguir as directrices contra o cambio climático. Pola súa banda, o experto describiu o método para desenvolver o plan de recompilación de coñecemento que permitise elaborar o plan de loita contra o cambio climático. Máis fotos e whatsapp.
Despois entrou Feixoo, saudou aos amigos, esperou a que a directora Ferreira rematase, ascendeu até o atril e dirixiuse á sociedade civil galega coa que "nos une este compromiso co medio ambiente". E falou (tamén le, pero ben) de apoiar a industria do sector forestal porque, segundo dixo, o monte é o principal "aliado" das galegas e dos galegos na loita contra o cambio climático. Fernández-Couto debeu tremer de pracer. Mais Feixoo non lle falaba a el. O presidente explicaba que hai cartos (1.250 millóns de euros) e un plan (2019-2023), o primeiro dunha serie de plans quinquenais para conseguir "a neutralidade climática de Galiza no ano 2050" e, de paso, garantir o futuro das pensións...
Si. O futuro das pensións. Porque Feixoo tiña preparado o mellor para o final. "Hai que facer as cousas con sentidiño e orde", explicou, "porque temos un país verde (como demostraba o proxector cunha imaxe dun muíño e un río cheos de vida outonal) e querémolo aínda máis verde". Un monte (produtivo) axudará a mitigar as emisións de dióxido de carbono, asegurou o presidente, "un instrumento con capacidade de absorción de dióxido é tamén un instrumento con capacidade de absorción da incerteza sobre o futuro das pensións". E rematou: "o monte é o plan de pensións das galegas e dos galegos". Aplausos. Tamén de Ence e do experto eventual.