Todos os partidos amosan o seu apoio a Iria Pinheiro

A CRTVG anuncia un protocolo contra o acoso

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galiza.

A comparecencia parlamentaria do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, para dar explicacións e conta das medidas adoptadas despois de que unha actriz denunciara por acoso o director do programa Con amor e compañía resolveuse cun anuncio: a adopción dun protocolo contra o acoso nos medios públicos.
 

Alfonso Sánchez Izquierdo, máximo responsábel do ente, acudiu ao Parlamento despois de que así o solicitasen os tres partidos da oposición, En Marea, PSdeG e BNG. Asegurou entender “o interese que suscitaba” a cuestión a tratar e botou 20 dos 30 minutos da súa intervención relatando normas e decisións da televisión e a radio públicas para combater a discriminación de xénero, a desigualdade e o machismo.

 

O alto cargo explicou a maiores que, logo da última renovación, a dirección da compañía conta con 47% de mulleres. Estes datos servíronlle de preámbulo ao anuncio de que implantará un protocolo contra o acoso “para todos os traballadores e colaboradores da casa”. “A súa necesidade é aprofundar nos dereitos fundamentais”, engadiu.

 

O director xeral tamén se detivo nas relacións entre a CRTVG e Ficción Producciones, a empresa detrás de Con amor e compañía. O ente públicou contratou 16 programas de 55 minutos, logo ampliados a outros nove, dun formato “entertainment show” que atinxiron unha cota de pantalla de entre o 5 e o 7%, “por baixo das expectativas da televisión”. Emitironse ao longo da primavera e parte do verán de 2017.

 

“Nin na data de contratalos, nin no remate da emisión, a CRTVG tivo constancia de ningún caso de acoso”, afirmou, marcou distancias con Ficción Producciones por se tratar dunha compañía externa, e remitiu ao comunicado emitido nos días en que se fixo pública a denuncia da intérprete.

 

Iria Pinheiro, a demandante, rexeitou o acoso do director do programa, José Luis Viñas Orta, durante os meses en que traballou nela -a primeira tempada-, falou da situación con compañeiras e compañeiros de rodaxe, comunicoullo á produtora e á Asociación de Actores e Actrices de Galicia e, finalmente, tomou a decisión de denuncialo no Xulgado nº3 de Santiago de Compostela.

 

“Valentía para rachar o silencio”

 

Todos os partidos con representación no Hórreo amosaron o seu apoio á actriz Iria Pinheiro. Olalla Rodil, do BNG, salientou “a valentía da decisión de denunciar e rachar o silencio sobre este tipo de violencia machista”. Tamén a socialista Noela Blanco se expresou neses termos e desexou que “a visibilización do caso traia medidas para rematar con estas situacións”. E Ánxeles Cuña, de En Marea, lembrou que Pinheiro “non está soa” e repasou as numerosas mostras de solidariedade, a práctica totalidade das asociacións corporativas do audiovisual.

 

Para Raquel Arias, parlamentaria do PP, “ningunha agresión machista debe quedar sen resposta”. Dixo que ela e o seu grupo se solidarizaban con Pinheiro pero remarcou “o respecto á presunción de inocencia dun asunto que está nos xulgados”. Sobre un dos puntos cruciais do debate, cal é a responsabilidade da CRTVG sobre as empresas que contrata, refrendou a posición de Alfonso Sánchez Izquierdo de tomar distancia.

 

“A corporación non pode considerar o acontecido como algo alleo porque non sucedera na CRTVG”, indicou a nacionalista Olalla Rodil, “porque ademais, o groso da programación da televisión pública fano produtoras externas”.

 

Na quenda de peche, o director xeral revelou que se trata do “primeiro caso de acoso” do que tiveron coñecemento e admitiu que “esa circunstancia talvez axude a entender porque non estivemos abondo atentos”.