A actriz Iria Pinheiro denuncia o director do programa da TVG 'Con amor e compañía' por acoso

Iria Pinheiro [Foto: Olaia Sendón]

Durante tres meses de 2017, a actriz Iria Pinheiro viviu unha situación continuada de acoso por parte do director do programa Con amor e compañía -emitido na TVG-, José Luis Viñas Orta. Así o relata polo miúdo nunha denuncia penal que vén de presentar no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela.
 

Entre o 10 de marzo e inicios de xuño, en que renunciou definitivamente ao seu traballo logo de se comunicar coa produtora xefa e o presentador e non obter garantías de mudanzas, Pinheiro aturou tocamentos, insinuacións, humillacións e comentarios que acabaron por xerarlle un cadro de ansiedade e insomnio.

 

Versión dos feitos

 

“Non quero que agoches as túas curvas na televisión, que xa che pillei o truco... es una mujer de bandera e iso telo que amosar e non esconderte”, dirixiuse Viñas Orta a Pinheiro na primeira das xuntanzas de preparación do programa na sede de Ficción Producciones no Milladoiro, “oito de cada dez espectadores vanse querer deitar contigo cando te vexan”. Estaban presentes os outros actores e os guionistas da serie.

 

“A que subscribe sentiuse menosprezada polo mero feito de ser muller e empezou a notar unha certa presión e pulsión de índole sexual por parte de quen era o seu xefe”, relata a denuncia en referencia a ese primeiro suceso.

 

“Non quero que agoches as túas curvas na televisión, que xa che pillei o truco... es una mujer de bandera e iso telo que amosar e non esconderte”, dirixiuse Viñas Orta a Pinheiro

 

Seis días máis tarde, o 16 de marzo, foron as probas de vestiario. Iria Pinheiro estaba ataviada con roupas de época da súa personaxe, María Pita: “Saia longa, corsé e camisa, vestimenta do século XVI”. O realizador, ao vela e sen pedir permiso, “mete a súa man dentro da camisa e báixaa ata o medio dos peitos indicando: 'Lo quiero hasta aquí”.

 

A intérprete volveu á zona de vestiario, onde lle suxeitan o escote con alfinetes adaptado ás esixencias de Viñas. Ao pasar outra vez á que opinase o director, “atemorizada e humillada, levaba en todo intre a man dereita no ombreiro esquerdo para evitar que o agora denunciado metese de novo a man dereita dentro da súa camisa”.

 

Despois da gravación do primeiro episodio -o 27 de marzo-, a actriz despedíase dos compañeiros e compañeiras de rodaxe. Cando o facía do director, “pensando que lle daría dous bicos de despedida, don José Luis agárraa fortemente, atráea contra si de xeito sensual -isto é,  facendo que a pelve da denunciante estea en total contacto coa pelve do denunciado- impedindo que se soltase e dicíndolle ao oído: 'Que sea la última vez que actúas mal para que yo tenga que escoger la toma que tú quieres”.  

 

Nas posteriores xornadas de traballo, o xefe recibía Iria Pinheiro “con comentarios xocosos e agresivos e de tipo sexual con relación ao seu corpo”. O 17 de abril, ao lle dar instrucións de actuación, “comeza a tocarlle o brazo de xeito lascivo por detrás”. Na sesión de maquillaxe dese mesmo día, a actriz tiña os ollos pechados e os ombreiros ao descuberto. “Nese intre sinte como alguén lle toca os ombreiros de xeito lascivo e profundo. Sobresáltase, dá a volta, e ve o director rindo e dicíndolle que apure”, expón a denuncia.

 

Os comentarios non remitiron. O 15 de maio, na gravación do programa número 13, Viñas Orta “comeza a sobar e dar palmadiñas no muslo dun xeito non apropiado, dunha evidente índole sexual. A resposta da actriz foi anoxarse e reclamarlle: 'La manita quieta”. Segundo a denuncia, o director adoitaba repetir a frase “yo sé muy bien lo que piensan las mujeres”.

 

Iria Pinheiro negouse e rexeitou os tocamentos e manoseos de Viñas. “Este reaccionaba ao primeiro con desdén e despois con humillacións públicas sempre en base a un suposto mal desenvolvemento do traballo da actriz”, engade.

 

Reacción e “bloqueo emocional”

 

Pinheiro falou destas situacións con diversas compañeiras de reparto e rodaxe. Varias delas recoñeceron os comportamentos machistas do director, con Iria Pinheiro e con elas mesmas. Tamén contactou coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia para denunciar o caso e solicitar amparo legal. A avogada do gremio desestimou acción legais pola “dificultade da proba e que ninguén vai dar a cara por ela”.

 

Pinheiro falou destas situacións con diversas compañeiras de reparto e rodaxe. Varias delas recoñeceron os comportamentos machistas do director, con Iria Pinheiro e con elas mesmas

 

“O que veu a continuación foi un bloqueo emocional, nerviosismo e falta de concentración”, di a denuncia, “a sensación de humillación, de inxustiza e de ter perdido a batalla. Sentía vergoña”. Porque Ficción Producciones comunicouse coa actriz en xuño para lle confirmar que repetiría traballo na segunda tempada do programa pero “en convocatorias soltas e esporádicas”. “Bueno, al parecer no te entendiste con Pepelu [en referencia ao denunciado]”, respondeu a produtora xefe á actriz.

 

Iria Pinheiro viña traballando para a Televisión de Galicia de xeito continuado desde 2004. Como consecuencia dos acontecementos denunciados, “perde as ganas de traballar no audiovisual”. Pesadelos, cansazo, ira, falta de concentración e ansiedade levárona, en novembro de 2017, á psicóloga. Actriz en filmes de Mario Iglesias, Ángel Santos ou Claudia Brenlla, participou en numerosos programas de televisión -Luar, Pillados, Zapping Commando- e en proxectos musicais como a Orquestra Os Modernos. Os sucesos que denuncia levárona a "se refuxiar na música e no teatro" como opción laboral.

 

Nota: imaxe do programa 'Con amor e compañía'. Na redacción orixinal desta información aparecía como segundo apelido da persoa denunciada "Horta" cando en realidade é "Orta".