Iria Pinheiro

“Dou este paso porque pode axudar a outras mulleres”

Iria Pinheiro - Olaia Sendón

A actriz Iria Pinheiro (Ourense, 1978), veterana da televisión pública, habitual da escena dramática e musical, vén de presentar unha denuncia por acoso contra o director do programa Con amor e compañía, José Luis Viñas Orta. Explica a Sermos as súas razóns para facela pública.
 

-En que intre se decata de que a situación que vive é acoso?

 

-Na primeira xuntanza do programa hai unha serie de insinuacións verbais, de acoso verbal, que para min son molestas. Porque á parte prodúcense diante dun equipo de xente. Pero no segundo día, durante as probas de vestiario, esa persoa méteme o dedo no escote dunha maneira moi violenta, sen pedir permiso e sen vir a conto. Aí noto que vou comezar a ter problemas.

 

-Nas seguintes xornadas muda a situación?

 

-Non muda. Continúan os toqueteos, os comentarios. Vexo que se producen tamén con outras compañeiras. Vexo que unha compañeira se refuxia no meu camerino. Vexo como todas estamos un pouco escapando. Eu falei cunha delas para ver como se sentía, porque vía que lle facía cousas moi evidentes. Pero esta persoa pensaba que non eran masaxes nin caricias desagradábeis, non as consideraba machistas. Eu refuxieime coa outra persoa que si se consideraba incomodada polo que [o director] verbalizaba cara a ela. Sentíase hostigada.

 

-Vostede dille expresamente que cese a súa actitude?

 

-El tiña unha posición de poder, era o director do programa e estaba amparado pola produtora e pola TVG. Para min era difícil. Eu fuxía do contacto. Trataba de non coincidir fisicamente con el. E nalgún momento díxenlle que parase, “coa man quieta”. Ante un guión que facía apoloxía da violencia machista, acheguei ideas novas para modificalo. A min facíaseme imposíbel defender aquel guión. O que ocorreu a continuación é que me cambiaron de personaxe e esa personaxe nova tiña que ter un pene tatuado no brazo. No seguinte guión tiven que dicir a palabra “pene” non sei cantas veces, escudándonos nunha especie de humor, algo artístico. Pero eu entendín que era unha represalia por ir de feminista.

 

-O resto de compañeiros e compañeiras decatábanse do que sucedía?

 

-Un compañeiro avisoume. Unha compañeira díxome “no te pagan por pensar, así que no digas nada, no hables, aguanta como sea este tiempo”. E un compañeiro tamén me avisara de que el falaba mal de min constantemente, difamábame, dicía que era mala actriz, que cando eu estaba en escena el dicíao en control [un espazo pechado en que está o realizador durante a rodaxe do programa]. Intentaba que me despedisen do programa, polo que me contan outros compañeiros. E un compañeiro recomendoume, con todo o seu cariño, que non tivese saídas de ton.

 

-Que sucede ao rematar as rodaxes da tempada?

 

-Indaguei a ver se viña outro director, porque había rumores. En teoría eu seguía no programa. E entón comunícanme que sigo pero menos. Xa non estou no cadro de persoal, senón que paso a convocatorias esporádicas. Eu pregunto por que e dinme: “Parece ser que non te entendías co director”. E eu respondo: “Non me entendía porque me acosaba física e psicoloxicamente”. A produtora xefa di que hai que falar con el, que isto vai cambiar e pídeme que por favor continúe. Mais eu non era capaz de continuar ao carón do meu acosador. Sei que indagou que pasaba, pero non houbo máis movemento.

 

-Por que toma a decisión de denuncialo e facelo público?

 

-Tomo a decisión de facelo público porque creo que pode axudar a outras mulleres. Dou este paso porque me chamou unha muller, case descoñecida para min, que se enterou polo que eu pasara. Deume tantísima forza naquel momento que decidín que ía adiante con todas. Que a alguén lle pode axudar o que a min me pasou. É incríbel a forza que se xera. É moi importante. Axuda a non teren medo, a saber que non están soas. Que haxa unha cara visíbel, que me poidan chamar, que me poidan escribir, que eu lle axude a facer a denuncia. Esta cadea é importante. E logo tamén quixen facelo público porque non quería que quedase oculto, que sempre quedase en entredito e que ao final todo o mundo desconfiase da muller. Hai xente que desconfía do meu relato e valora a súa profesionalidade. Pero eu levo vinte anos traballando tamén. Quero que as contas estean claras.

 

-Leva case 20 anos traballando no audiovisual. Vira antes situacións deste tipo?

-Eu vin cousas de tipo verbal, cousas semellantes que puiden parar a tempo. Supoño que non había o abuso de poder que había nesta ocasión. Vivín situacións, tiven que ilas lidando e calei por medo. Vinas en min e en compañeiras. Pero as anteriores non eran tan graves, porque esta continuou no tempo durante todo o traballo. Outras foron puntuais, facían dano, e levábalas como podías. Ás veces xuntábaste con outras compañeiras para facerlle fronte. Desta vez había unha compañeira que me apoiaba, pero en secreto.