Denuncia por acoso ao director de 'Con amor e compañía'

Asociacións profesionais do audiovisual apoian a actriz Iria Pinheiro

Gala dos premios Mestre Mateo.

A vaga de solidariedade coa actriz Iria Pinheiro (Ourense, 1978) non deixa de medrar. As principais asociacións profesionais do mundo audiovisual veñen de emitir un comunicado conxunto en que lle amosan o seu apoio despois da denuncia por acoso durante a rodaxe do programa Con amor e compañía -emitido pola TVG- que esta presentou no Xulgado número 3 de Compostela.
 

O documento insta, ademais, a un “proceso de reflexión colectiva”. “Cómpre aceptar a parte de culpa que a todas e a todos nos corresponde, como colectivo profesional e como sociedade”, di o texto, “na sensación de impotencia e de desamparo que describe a actriz. É necesario traballar en ferramentas para evitar que se produzan no futuro este tipo de situacións”.

 

Pinheiro relata na súa denuncia como recorreu a compañeiras e compañeiros do programa, á produtora -Ficción Producciones- e á Asociación de Actores e Actrices de Galicia mais non recibiu axuda.

 

“Propoñemos iniciar un proceso de reflexión colectiva que no medio prazo permita dotármonos dos recursos precisos para axudar de xeito efectivo a outras mulleres que poidan vivir situacións como a descrita pola compañeira Iria Pinheiro”, continúa o comunicado. Menciona explicitamente a adopción de protocolos para a prevención do acoso sexual ou para a actuación en caso de denuncias e mais a escolla de profesionais especializadas en agresións.

 

A Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Guionistas, a Asociación de Profesionais da Dirección e da Realización de Galicia (CREA), a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Dramaturxia, o Clúster Audiovisual Galego e a Mostra Internacional de Teatro Cómica e Festivo de Cangas asinan o manifesto.