Parte do equipo de 'Con amor e compañía' di non ter presenciado acoso a Iria Pinheiro

Un momento dun programa

Oito días despois de que a actriz Iria Pinheiro presentase unha denuncia por acoso contra o director do programa Con amor e compañía, José Luis Viñas Orta, parte do equipo de rodaxe vén de remitir un comunicado en que asegura non ter presenciado tales feitos. “Nin vimos, nin presenciamos, nin fomos conscientes de ningún tipo de acoso, humillación sexista nin abuso cara a ningún dos compañeiros”, din
 

O texto, que responde explicitamente ás “declaracións da actriz Iria Pinheiro publicadas no diario dixital Sermos Galiza”, afirma sobre as persoas asinantes: “Somos o bastante sensibles e valentes como para dicir BASTA XA! Se tivéramos intuído algún acoso ou abuso de autoridade cara a algún dos compañeiros do euipo. Condenamos este tipo de actos en calquera ámbito e lamentamos moito a situación”.

 

“Todo o equipo de Con amor e compañía”, afirma -aínda que non todas as traballadoras e traballadores asinaron-, “espera que a xustiza actúe o máis pronto posible nun tema tan delicado e doloroso como este para ambas partes”. Finalmente, o documento indica ser “totalmente alleo a outros que emitan ou poidan emitir tanto a produtora do programa como a canle que o emitiu”.

 

A produtora do programa, Ficción, non se pronunciou ao respecto. A CRTVG, emisora do programa, anunciou que afastaría “cautelarmente” a Viñas Orta.

 

O comunicado, recibido en Sermos vía correo electrónico, vén refrendado polos nomes de Cristina Caldelas, Oscar Andrés Ordoñez, Alejandro Aguete, Carmen Porto Fraga, Miguel Vicente Sobrado, Francisco Arcay, Mª del Carmen Casal, Pablo Gayo, Estevo González, Antón Bugallo, Mª Jesús Sánchez, Inma Hermida, Angel Nimo, Leandro Quintas, Alicia Burton, Miguel Noval Bouza, José Manuel Rodríguez Puente (Isi), Pablo Díaz, Antón Cruces, Borja Puga Varela, Pepo Suevos, Semi Soto, Érika Sanín, Juan Perez, Guillermo Zapata.

 

A maiores, e tamén oito días despois, o “equipo guión Con amor e compañía” remitiu pola súa banda outro comunicado a nome de Alicia Burton, Pepo Suevos, Antón Cruces e Guillermo Zapata co seguinte texto: “Os guionistas de Con amor e compañía estiveron presentes en todas as lecturas, ensaios e gravacións de CADA UN dos programas e NUNCA foron testemuñas de ningunha situación de abuso ou acoso entre compañeiros. Condenamos firmemente calquera tipo de acoso e abuso en calquera das súas manifestacións. Ademais, o equipo cre firmemente na presunción de inocencia”.