Cristina Palacios: "O colectivo trans quedou no medio da loita política"

A presidenta da asociación Arelas, Cristina Palacios (Foto: Nós Diario).
A Asociación de familias de menores trans Arelas, convocou para o vindeiro sábado unha manifestación en Santiago ante unha nova ampliación, por parte do Congreso, do prazo de presentación de emendas da Lei Trans. Nós Diario conversa coa presidenta de Arelas, Cristina Palacios, para coñecer as demandas do colectivo trans.

—Cal é a razón de convocar esta manifestación?

A manifestación busca reivindicar os dereitos humanos das persoas trans e a necesidade dunha lei que vemos como se continúa aprazando. A Lei Trans leva sendo revisada e debatida desde hai máis de dous anos e foi moi traballada cos colectivos, polo que non entendemos por que se continúa a atrasar. Hai que recordar que o partido que impulsou e regulou varias leis en canto á autodeterminación de xénero é o mesmo que agora a cuestiona.

Todas estas prórrogas están a crear debates absurdos que incrementan a violencia que sofren as crianzas e adolescentes trans que son, quizais, o sector máis vulnerábel da xuventude do país. En moitos casos esta rapazada enfróntase a un rexeitamento familiar, a un gran acoso escolar e a moita violencia institucional.

"As crianzas e adolescentes trans que son, quizais, o sector máis vulnerábel da xuventude do país"

Son persoas que a día de hoxe seguen a estar tuteladas desde a saúde mental; é un maltrato por todas partes. Que precisamente agora se estea a pór o foco nestas crianzas parécenos unha razón máis que suficiente como para organizar a manifestación. O Goberno español ten que pensar en todas as persoas trans que están sufrindo e que teñen moitas expectativas na norma. É o momento de que, xa que se considera tan igualitario, estea á altura e acompañe un colectivo historicamente maltratado.

—Que opina da Lei Trans? E da postura do PSOE ao respecto?

Esta lei é insuficiente. Desde Arelas sempre fomos críticas con ela porque deixa moita xente fóra, como as persoas non binarias ou as migrantes, que aínda se atopan en desprotección. Tamén exclúe as crianzas menores de 16 anos que non acceden a unha autodeterminación de xénero, aínda que a vendan como tal, pois seguen baixo a tutela da familia e do profesional que as atenda; se estas partes non queren apoiar a crianza, esta non vai poder vivir libremente a súa identidade. 

Cómpre reflexionar sobre a orixe do debate. Nin a Lei Trans nin o colectivo son esa orixe, senón unha loita do poder político. Ao PSOE non lle gustou perder a carteira da igualdade, que actualmente manexa Unidas Podemos. Cando persoas como Carmen Calvo, que nun principio non tiña problema coa autodeterminación de xénero, comprobaron que a cuestión de igualdade non sería da súa competencia, comezou unha loita política na que o colectivo trans quedou no medio.

É sorprendente que un partido que en 2019 rexistrou no Congreso de deputados unha Lei Trans máis ambiciosa ca esta, actúe así. É unha cuestión ideolóxica. Que o PSOE compre o discurso de PP e VOX contra os dereitos humanos das persoas trans é tremendo. Pero hai que aclarar que non é todo o PSOE, é só unha pequena parte na que algunhas feministas hexemónicas, que sempre presentan o mesmo perfil -mulleres brancas de clase media-alta e con acceso a estudos-, marcan a axenda feminista. Nós entendemos que o feminismo ten que ser inclusivo e interseccional.

—Considera que a aprobación desta lei sería un paso adiante no camiño cara á inclusión?

Por suposto. A pesar de ser insuficiente, que unha lei recoñeza o dereito de autodeterminación de xénero para algunhas persoas, e que estas non teñan que paralizar dous anos da súa vida cunha hormonación forzosa para poder cambiar o sexo do DNI, é un avance. Tamén o é que se penalice a transfobia, que até o de agora no Estado español é gratuíta.

No PSOE din que esta lei aprobarase antes de fin de ano; de non ser así volveremos saír ás rúas. Na manifestación do día 5 a nosa intención é reivindicar os dereitos das persoas trans, non ir contra ningún partido. Pero se a lei non se aproba, manifestarémonos para pedirlle explicacións ao PSOE.

A protesta decorrerá o sábado en Santiago

A manifestación deste sábado pretende reivindicar a urxente aprobación da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBT, coñecida como Lei Trans.  A mobilización está convocada pola asociación Arelas e secundada polo colectivo de persoas trans adultas Amizando, Avante Pontevedra e a Marcha mundial de mulleres.

O percorrido comezará na praza 8 de marzo, en Santiago de Compostela, e rematará na praza do Obradoiro, onde se procederá á lectura dun manifesto. Nela intervirán Nee Barros, responsábel de Avante Pontevedra; Daniela Ferrández, historiadora e activista trans; e algunha rapaza de Arelas. Ademais, as familias tamén responderán ao “cuestionamento que sufrimos estes días”, explica Cristina Palacios; “acusóusenos de maltratadoras e de hormonar e mutilar as nosas crianzas”, polo que “a nosa palabra tamén é importante”, conclúe.