Carla Antonelli abandona o PSOE polos atrasos da Lei trans e denuncia "transfobia e humillacións internas"

Antonelli, primeira muller transexual en ocupar un cargo parlamentario no Estado español, acusa a ex vicepresidenta Carmen Calvo de difundir un "panfleto transfóbico" entre a militancia e a conselleira de Estado Amelia Valcárcel de chamala "señor sesenteiro". Tamén sinala a militante Alicia Miyares por dicir nun congreso: "Eu chámoos tíos, porque son tíos".
A ex militante socialista e antiga parlamentaria na Asemblea de Madrid Carla Antonelli. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera A ex militante socialista e antiga parlamentaria na Asemblea de Madrid Carla Antonelli. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A ex deputada da Asemblea de Madrid Carla Antonelli, primeira —e até hoxe única— muller transexual en ocupar un cargo parlamentario no Estado español, solicitou esta terza feira a súa baixa como militante do PSOE como protesta pola "manobra de ampliar prazos" que, segundo a tamén activista, planean os socialistas na tramitación da Lei trans no Congreso, cun "aceno de [efectuar] máis recortes" na norma.

"Hoxe solicitei que se tramite a miña baixa [...], cunha inmensa e profunda dor, dunha formación política para a que pedín o voto desde hai 45 anos, desde aquel 13 de agosto de 1977 que aparecín na prensa escrita da época e cualificáronme de 'travestí politizado', só dous meses despois das primeiras eleccións democráticas, onde desde entón militei dunha forma ou outra", sinalou nunha misiva.

Antonelli asegurou que toma esta decisión ante a "nova manobra de ampliar os prazos de emendas até decembro co aceno de máis recortes na lei", algo que, ao seu xuízo, provocará que se demore até o próximo ano, "xa inmersos nas eleccións autonómicas e municipais, que será outra das posíbeis argumentacións para novos atrasos e nun suspiro cara ao fin da lexislatura".

No escrito, Antonelli pide ao PSOE que recapacite: "Exhorto e invoco o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para que volva pór a lei no seu sitio, como fixo no seu momento, que feche os prazos de emendas e continúe o seu trámite de urxencia, pola palabra dada e o compromiso adquirido. Prolongalo só vai provocar máis dor e sufrimento a persoas ás que definitivamente se nos marcou cunha 'Estrela de David' na fronte en pleno século XXI".

Aliás, arremeteu contra a conselleira de Estado —nomeada a proposta do PSOE e con vínculos coa formación— Amelia Valcárcel por referirse a ela como "señor sesenteiro" e a militante feminista Alicia Miyares por afirmar nun congreso en Xixón: "Eu chámoos tíos, porque son tíos". Do mesmo modo, cargou contra Carmen Calvo por enviar en 2020 un "panfleto transfóbico" a todas as agrupacións socialistas do Estado.

A ex deputada, que sostivo que a súa defensa da Lei trans e postura contraria a elas tres foi o que a deixou "fóra nos seguintes comicios", recoñeceu sentir "profunda decepción e un baleiro" e criticou que se quere "quebrantar a vontade popular" con "cánticos de serea", cando os termos da norma están previstos tanto no discurso de investidura de Pedro Sánchez como no programa electoral socialista e avalados en dous congresos confederais, lembrou. "Desde entón e até o día de hoxe converteuse nun dantesco pesadelo, de transfobia, exclusións, humillacións internas e externas que gardo para min", engadiu

Tamén sinalou que os propios socialistas levaron á Cámara Baixa en 2017 unha norma máis progresista. Aliás, asegurou que "hai un gran número" de persoas que son pais, nais, avoas, familiares ou amigos e amigas de persoas trans, que agora están "inmersas nunha terríbel desazón", do mesmo modo que quen observa desde o "silencio e estupor".

Finalmente, manifestou a súa satisfacción por estar "no lado correcto da historia" e afeou que quen están en contra da norma só conseguiron a "60 persoas en ringleira fronte ao Congreso", a pesar dos "altofalantes mediáticos que herdaron".

Comentarios