Covid: Sanidade fará un rexistro das persoas que rexeiten a vacina

Unha muller recibe unha dose da vacina no Reino Unido. (Foto: Dannt Larson / PA Wire / Dpa)

Someterse a este tratamento será voluntario pero no Rexistro de Vacinación quedarán os nomes das persoas que non a queiran co fin de coñecer as razóns destas negativas en distintos grupos poboacionais. 

A Estratexia de vacinación fronte á Covid-19 do Estado español, que vén de actualizarse novamente, recolle que as persoas terán a opción de negarse a recibir a vacina contra este virus. O tratamento será voluntario, mais o Ministerio de Sanidade quedará cun rexistro con todos os nomes das persoas reticentes ao fármaco.

O departamento que dirixe Salvador Illa recoñeceu hoxe que gardará un Rexistro de Vacinación para saber os por que de que parte da poboación rexeite a vacina e detectar causas en distintos grupos de idade e poboación.

"Rexistrar o rexeitamento pode ser de interese, sobre todo para axudarnos a analizar as causas que poden provocar o rexeitamento en determinados grupos de poboación e poder insistir nas campañas informativas e de divulgación que sexan necesarias para explicar o beneficio das vacinas", destacou a secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón.

No entanto, como o plan é un documento “vivo” poderían darse máis novidades en función de como vaia evolucionando a pandemia, como por exemplo pola nova cepa detectada no Reino Unido.

Igualmente, incorporarase información dos fármacos creados para loitar contra o coronavirus por diferentes laboratorios. O anunciou coincide no tempo coa previsíbel aprobación da vacina de Pfizer/BioNTech por parte da Comisión Europea. Unha vez obteña o visto e prace de Bruxelas, será este tratamento o primeiro que chegue ao Estado español e o que comece a administrarse ás persoas de risco a partir do 27 de decembro.

Na primeira etapa serán prioritarias as e os usuarios de residencias de maiores e o persoal destas infraestruturas, así como os equipos sanitarios e sociosanitarios. Entrarán neste segundo grupo os grandes dependentes que non vivan en residencias.

Dúbidas sobre a inmunidade

Ademais, as persoas que pasaran pola enfermidade serán vacinadas. Malia que os estudos indican que “producen anticorpos neutralizantes” existe “pouca información” como para fiar a protección da cidadanía a iso.

A porcentaxe de “reinfección” que se ten rexistrada é baixa, pero non se coñece que grao de protección teñen aquelas persoas curadas. Existe un “alto grao de incerteza” sobre unha hipotética inmunidade, polo que entrarán nas distintas fases da campaña.

Respecto dos posíbeis cambios derivados da nova cepa detectada, a directora xeral da Axencia Española de Mecamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas, concretou: "Non necesariamente as variacións van implicar a modificación da efectividade. As vacinas están dirixidas á proteína S, e ningunha variación tivo cambios significativos na súa estrutura".