Covid: As usuarias e persoal das residencias recibirán as primeiras vacinas

As enfermas e enfermos dos centros galegos caen até os 436, ao aumentar en 19 os contaxios na infraestrutura de Vilaboa pero reducirse os casos activos en 38 na Doral de Mos. O Ministerio de Sanidade confía en poder vacinar a estas persoas a partir de xaneiro.

EuropaPress_3446162_presidente_gobierno_pedro_sanchez_preside_reunion_comite_seguimiento
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, preside o comité de seguemento. (Foto: Europa Press)

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, comunicou esta terza feira a estratexia de vacinación contra a Covid-19. As primeiras persoas que terán o tratamento preventivo serán as maiores e o persoal sanitario das residencias. A data para comezar a campaña é xaneiro. De momento, na Galiza baixan os casos activos até as 436 usuarias.

 

O Consello de Ministros analizou hoxe o plano para vacinar á poboación contra o coronavirus. Segundo avanzou Illa, está previsto que as e os residentes e as traballadoras dos xeriátricos sexan os primeiros en recibir as doses.

 

Tamén estarán nas primeiras posicións as e os beneficiarios das instalacións que atenden grandes dependentes. A idea é que as primeiras doses estean en España en xaneiro de 2021.

 

O Executivo estatal prevé vacinar na primeira etapa a 2,5 millóns de persoas. No entanto, non aclarou como serán as seguintes fases e quen se beneficiará das doses nelas. En calquera caso, asegurou que “haberá vacinas para el 100% da poboación española”.

 

O responsábel do departamento destacou que, unha vez se aprobe o medicamento a nivel europeo tardará pouco en chegar ao sistema sanitario español. Ten que ser aprobado tamén pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) para logo empezar a vacinación.

 

Respecto do número, estimou que haberá 140 doses para inmunizar a uns 80 millóns de persoas, que en realidade é case o dobre que a poboación estatal. Aínda así, pór a vacina non será unha imposición.

A situación na Galiza

 

En calquera caso, mentres se agarda por este tratamento contra o virus, as residencias galegas continúan a ser un dos puntos febles. Malia que hoxe hai menos casos activos que onte, segundo informan as autoridades do país, o número de 436 doentes entre as usuarias non deixa de ser importante.

 

Deron negativo até 38 persoas do xeriátrico de Mos, pero incorpóranse ao listado 19 do de Vilaboa. No que se refire aos cadros de persoal, continúan infectadas 213 operarias e operarios.

Comentarios