Covid: Detectan intentos de estafa a residencias de maiores de Vigo

Medidas fronte ao coronavirus na Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Policía Nacional alerta de que xente aínda non identificada chamaba a empresas, especialmente xeriátricos, pedindo diñeiro ás persoas responsábeis coa promesa de achegar materiais de protección fronte o coronavirus.

A Comisaría da Policía Nacional de Vigo vén de advertir á sociedade galega para que estea alerta ante posíbeis intentos de estafas e timos relacionados coa pandemia da Covid-19. Fontes desta forza de seguridade comunicaron hoxe que xa detectaron varios intentos de estafa a empresas do municipio, especialmente a residencias de maiores.

O modus operandi das persoas delincuentes é pórse en contacto coas instalacións para ofrecer a entrega de "material sanitario de protección" fronte ao virus. No entanto, antes dese envío de envío reclamaban que se fixesen ingresos de entre 800 e 3.000 euros para financialo.

Segundo a Policía, as e os presuntos estafadores acoden sobre todo aos xeriátricos ás horas que non estaban as máximas responsábeis para falar con alguén do cadro de persoal ao que informaban de que acudirían pola infraestrutura a levar Equipos de Protección Individual (EPI) ou outro material. O pago era o paso previo.

"Ao non estaren os responsables dos centros, volven chamar máis tarde e simulan que, ao mesmo tempo que falan co traballador que colleu o teléfono, teñen por outra liña ao director ou directora da residencia, que supostamente estaría a autorizar o pago dese material", concretan as mesmas fontes.

A estratexia é bastante experta pois tamén se fan pasar por transportistas para acordar a hora de entrega, mais non poden facela até que se reciban os ingresos. Tanto é así que tiveron que mandar axentes da Unidade de Participación Cidadá a impartir charlas a estes centros.

Distintos timos ás e aos maiores

Porén, non é a única picaresca que xurdiu coa pandemia. As e os posíbeis ladróns tamén van a por persoas maiores de 65 anos que viven soas ou nos xeriátricos. Fanse pasar por "médicos ou xestores sanitarios" e intentan cobrarlles pola instalación de "cámaras termográficas AntiCovid".

Outro sistema consiste en facer crer que pertencen a empresas de desinfección e roubar bens persoais mentres deberían estar a pór en marcha esa medida de protección extra. Dadas as múltiples estratexias, a Policía Nacional recomenda desconfiar de calquera servizo ou chamada non solicitada.