A Coruña inicia o proceso para recuperar a Casa Cornide, aínda en mans dos Franco

Casa Cornide, situada na Cidade Vella da Coruña. (Foto: Sandra García Rey)
Críticas á "tardanza" do Goberno local para incoar o expediente

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, confirmou esta cuarta feira o inicio do expediente para anular as resolucións administrativas "que deron lugar ao espolio" da Casa Cornide, actualmente propiedade da familia Franco, de cara a recuperar a súa "titularidade pública". Faino logo de que, en setembro de 2019 –xa no pasado mandato–, o Pleno aprobara unha moción do BNG na que se instaba o Goberno local a interpor unha demanda contra a familia do ditador.

"Este paso é fundamental, é un paso previo para que a Xustiza se poida pronunciar", afirmou a rexedora. Rei explicou tamén que o Goberno local instou o Ministerio de Educación e o de Facenda a que desenvolvan unha revisión de oficio "para ter a base xurídica máis sólida" con vistas á "recuperación completa" do inmóbel.

A este respecto, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña manifestou a súa sorpresa ante a "tardanza" deste expediente administrativo de revisión de oficio da "permuta" realizada no seu día entre o Ministerio de Educación e o Concello coruñés, amparándose nun informe xurídico da Universidade da Coruña.

"Toda vez este informe, redactado polos catedráticos Carlos Aymerich, Carlos Amoedo e José Manuel Busto, é do ano 2020". "Esta demora é incomprensíbel e só beneficia a familia Franco", incide, xa que, segundo relata, "cada día que pasa sen presentarse a reclamación xudicial complica máis a reversión deste ben" da cidade da Coruña. 

Ben de Interese Cultural

Na mesma liña, aínda que o grupo municipal do BNG celebrou que o Goberno local dea "os primeiros pasos" para recuperar a Casa Cornide, lamentou que "tardara tanto en actuar". Ademais, a formación nacionalista lembrou que o inmóbel é Ben de Interese Cultural (BIC) desde abril de 2023 e que a familia Franco "incumpre a súa obriga" de abrir ao público o edificio "un mínimo de catro días ao mes durante polo menos catro horas ao día".  

"Nin se habilitou ese réxime nin se coñece ningunha xestión do Goberno galego para forzar os Franco a que cumpran coas súas obrigas", indica a formación nacionalista, que demandará á Xunta da Galiza que lle exixa á familia Franco o cumprimento do decreto que declara BIC o inmóbel.