A Coruña contará coa primeira plataforma de eólica mariña

Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
O Consello da Xunta autoriza o primeiro parque eólico mariño experimental do país, que se situará a dez quilómetros da costa coruñesa e supón un primeiro paso no desenvolvemento desta industria enerxética.

O porto exterior da Coruña é o espazo elixido para erguer a primeira plataforma de eólica mariña da Galiza. A infraestrutura terá un carácter experimental co obxectivo de "recadar datos" de cara ao futuro desenvolvemento desta industria enerxética, explicou onte o presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Rueda deu conta deste modo da sinatura do convenio entre o Executivo, a Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España para impulsar, a dez quilómetros da costa, estas instalacións que contarán cunha potencia instalada de 30 megawatts (MW) e un orzamento de 12 millóns de euros.

Actualmente proxéctanse en augas galegas catro proxectos eólicos, mais a autorización de todos eles depende de que o Goberno español aprobe o regulamento desta industria emerxente, cuestión á que Rueda o emprazou con urxencia a fin de que a Galiza poida explotar o seu potencial. "Queremos desenvolver a eólica mariña de forma compatíbel coa actividade pesqueira, e esta plataforma experimental entra dentro das conversas co sector da pesca e preserva a riqueza do ecosistema mariño", dixo.

O mandatario lembrou que a Galiza xa cumpre actualmente o obxectivo de xerar 75% da enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis —fixado por Bruxelas de cara a 2030—, se ben instou a lograr a neutralidade plena —100%— en 2050.

Lei de calidade alimentaria

Por outra parte, o mandatario galego informou da remisión do proxecto de Lei de calidade alimentaria ao Consello Económico e Social, paso previo á súa aprobación. "Imos dar pulo á excelencia dos produtos galegos para incrementar o seu éxito e impulsar o desenvolvemento local", asegurou.

Xestión de residuos

Aliás, o Consello autorizou o novo Plan de xestión de residuos municipais, que mobilizará 450 millóns de euros de aquí a 2030 co obxectivo de estender os 'puntos limpos' a todos os concellos do país e de alcanzar 55% de residuos reciclábeis.

"A Galiza ten a súa propia senda fiscal"

Preguntado por se o anuncio do Goberno andaluz de suprimir o Imposto de Patrimonio podía "presionar" a Xunta da Galiza a seguir este camiño e se Alberto Núñez Feixoo "marca" a política fiscal galega, Rueda alegou que o líder do PP estatal "pode dar a súa opinión, mais non unha instrución". "Temos a nosa propia senda marcada e tomamos as nosas decisións conforme ao que lles conveña aos galegos", afirmou.

O presidente comparecerá a próxima semana no Parlamento para dar conta das rebaixas fiscais que prevé aplicar nos Orzamentos de 2023, motivo polo que onte lembrou: "Apostamos por baixar impostos dentro das nosas posibilidades e dentro da premisa de que soportan os servizos públicos. Mais estamos a favor de que se baixen, porque é mellor baixalos que subilos". Esas rebaixas de impostos provocan, tal e como informou Nós Diario nesta quinta feira, que a Xunta deixe de ingresar até 9 millóns de euros semanais.

A Xunta volve delegar no Estado o recurso da pesca ante a UE

O veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 caladoiros volveu ser protagonista na rolda de prensa de Alfonso Rueda. En resposta a preguntas dos medios, o presidente reiterou as súas chamadas á acción ao Goberno español para que recorra perante o Tribunal de Xustiza da UE esta proposta. "As persoas expertas determinaron que o mellor era que o Estado presentase o recurso, porque habería máis garantías de saír adiante. Esperemos que o fagan cedo e que exerzan a influencia que hai que exercer como país", defendeu.

Na mesma liña apuntou onte a eurodeputada do BNG, Ana Miranda: "Presentamos diversas preguntas á Comisión Europea sobre esta cuestión e sempre responden que ten que ser o Estado o que faga este recoñecemento [das confrarías galegas como actores fundamentais do sector]". "Hai un interese comercial de excluír a pesca galega [da política pesqueira común], porque senón non se entenden as decisións que adopta o comisario desde un despacho", engadiu, ao tempo que lamentou a "pasividade" da Xunta.

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, saíu ao paso desta cuestión subliñando que supón un "ataque a unha porcentaxe importante da pesca" e instando "todas as administracións que teñan capacidade de recorrer" a que o fagan.