O Executivo español evita aclarar se recorrerá o veto da UE á pesca de fondo

O sector pesqueiro galego mantivo esta cuarta feira unha reunión coa secretaria xeral de pesca do Estado español, Alicia Villauriz, quen afirmou que os servizos xurídicos do Executivo están estudando a posibilidade de presentar un recurso contra o veto da Comisión Europea (CE) sobre 87 zonas de pesca de fondo, sen asegurar a presentación do mesmo. 
Alicia Villauriz, á dereita, directora xeral de Pesca do Estado español, mantivo esta cuarta feira unha xuntanza co sector pesqueiro galego (Foto: Europa Press).
photo_camera Alicia Villauriz, á dereita, directora xeral de Pesca do Estado español, mantivo esta cuarta feira unha xuntanza co sector pesqueiro galego (Foto: Europa Press).

Representantes do sector pesqueiro galego viaxaron esta cuarta feira a Madrid para reunirse coa secretaria xeral de pesca do Estado español, Alicia Villauriz, para tratar o veto da Comisión Europea sobre 87 zonas de pesca de fondo.

Nun comunicado posterior á reunión, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación explicou que, en relación coa presentación dun recurso contra a decisión da CE, "é necesario ter unha avaliación moi concreta e precisa desde o punto de vista xurídico que arroxe as suficientes garantías xurídicas".

Porén, Villauriz afirmou esta cuarta feira que "o Goberno español traballa para que a CE reconsidere o fechamento dalgunhas zonas pesqueiras de augas profundas, decisión que causou un rexeitamento unánime pola falta de diálogo co sector e os Estados membros, porque non se sustenta en información científica actualizada e polas repercusións directas que ten na restrición da actividade pesqueira". A secretaria xeral de pesca asegurou ademais que "urxirá á CE a presentar un novo ditame científico con información máis actualizada".

Diante da "indefinición" do Executivo, os representantes do sector pesqueiro urxiron unha acción inmediata. O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, en declaración a Nós Diario, afirmou que na reunión expuxeron que "a única saída é a presentación dun recurso contra a decisión da Comisión Europea (CE) e botar abaixo este novo regulamento".

Pérez Sieira sinalou que a directora xeral de pesca explicou "que o ían a estudar, que o estaban analizando e que non se podían pronunciar aínda cun 'si' nin cun 'non' xa que o asunto está nas mans dos servizos xurídicos e non é unha cousa que vexan tan factíbel".

"Nós cremos que os Gobernos das diferentes autonomías van presentar recursos, que os armadores imos tamén participar dos mesmos e seguramente o Goberno de España terá que botarnos unha man", aseverou o representante das confrarías galegas. "É necesario que se interpoña ese recurso contra este regulamento das zonas profundas", reafirmou.

"A directora xeral díxonos que ían levar o asunto ao Consello de Ministros da próxima semana mais nós esperábamos que a resposta fora inmediata e que adquiriran hoxe (por esta cuarta feira) o compromiso de interpoñer o recurso", laiouse Pérez Sieira.

Por outra parte, a representante do Executivo español, segundo sinalou o presidente da Federación de pósitos galegos, destacou a importancia de "pórse en contacto con outros Estados afectados como Francia e Irlanda para ver se era posíbel unir forzas".  

"Esta mesma tarde voume pór en contacto cunha armadora francesa que ten cinco barcos nos que traballan 70 homes e que ten a mesma postura que nós". "Hai que buscar alianzas por todos os lados", adheriu o representante das confrarías.

A Xunta reclama o recurso

A conselleira do Mar da Xunta da Galiza, Rosa Quintana, manifestou que confía en que o Goberno estatal recorra o regulamento do veto á pesca de fondo."Se foi valente para votar en contra desta proposta de regulamento no seu momento, alá polo mes de xuño, que o sexa tamén agora e que presente este recurso", explicou, en alusión ao Executivo español presidido por Pedro Sánchez.

Pontón pide fronte común

A líder do BNG, Ana Pontón, reclamou aos Executivos estatal e galego, e concretamente a PSOE e PP, que "deixen de lado as pelexas" e a "estratexia partidista de botar balóns fóra e culpabilizarse mutuamente polo veto á pesca de fondo" e "se poñan a traballar" a favor da Galiza para conseguir unha proposta de "fronte común" que defenda a frota galega. 

Formoso insta Rueda a acudir a Bruxelas

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que mantivo unha reunión coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), animou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que "vaia a Bruxelas a ver á presidenta da CE, que é do Partido Popular Europeo, para reclamarlle estas medidas".

Comentarios